InicioPolítica“Ás persoas indecisas dígolles que confíen no BNG porque nunca enganou a...

“Ás persoas indecisas dígolles que confíen no BNG porque nunca enganou a ninguén”, Olalla Rodil

Falamos coa candidata que encabeza a lista da forza nacionalista na provincia de Lugo de cara ás eleccións autonómicas do vindeiro 12 de xullo.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

As axendas de candidatas e candidatos ferven estes días. Non é doado atopar ocos para falar con eles e así nos aconteceu con Olalla Rodil tendo que aproveitar a súa viaxe de Compostela a Chantada para poder facerlle esta entrevista aproveitando que vai de copilota no coche.

Esta luguesa de Ribeira de Piquín é licenciada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo e ten un Máster en Estudos Internacionais pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi redactora no xornal Sermos Galiza e cumpriu este 2020 catro anos como deputada polo BNG no Parlamento Galego. Nestas eleccións autonómicas encabeza a candidatura dos nacionalistas pola provincia de Lugo.

Cando cres que te atrapou emocionalmente o nacionalismo galego? Houbo algo ou alguén que influíse nese camiño escollido?

Influíron moitas cousas… sempre tiven amor polo país e sentimento de identidade galega pero quizais o momento que destacaría é a catástrofe do Prestige, no ano 2002, estaba en segundo de ESO e tiña 13 anos. E se teño que dicir alguén quedaríame cos meus pais. Son emigrantes retornados e sempre me inculcaron amor polo país.

Por que é necesaria unha política nacionalista en Galicia? 

O BNG é o único proxecto que garante actualmente a súa defensa sen ter que pedir permiso a Madrid. Un proxecto serio, útil para mellorar as condicións de Galiza. Temos exemplos alí onde gobernamos e se gobernamos a Xunta levaremos o noso proxecto transformador ao conxunto do país. Co pouco tempo que levamos con Néstor Rego en Madrid xa se viron resultados.

“Vemos que hai moita xente que se está achegando ao BNG”

Olalla Rodil en Escairón / XdL

Hai máis mentalidade nacionalista entre os galegos/as do que se manifesta á hora da verdade?

Si. Hai máis sentimento de pertenza e profundo galeguismo, máis amplo do que parece. O reto do BNG é transformar ese sentimento en avance do nacionalismo como elemento transformador do país. Nesta campaña electoral estamos vendo que a corrente de ilusión que se está a xerar vai facer posible o cambio, vemos que hai moita xente que se está achegando ao BNG.

“Hai máis sentimento de pertenza e profundo galeguismo, máis amplo do que parece”

Non cres, logo, que haxa tabús ou ‘demonización’ do nacionalismo?

Non, non vexo esas barreiras.

Algunha política ou político que admiraras e/ou admires, e por que? 

A nivel xeral quedo con Angela Davis e a nivel galego con Ana Pontón. Creo que Ana é perfectamente a representación do BNG e do que o BNG ofrece aos galegos.

Con que te quedas, como pouso de experiencia, dos catro anos no Parlamento Galego?

Con todas as persoas que coñecemos e cos colectivos cos que puidemos conectar e falar para confeccionar o programa que levamos nestas eleccións. Co traballo que fixemos coas investigadoras e investigadores que traballan sen investimento público. Queremos apostar pola ciencia, a innovación e a investigación, por iso tivemos moitas reunións e debates nese senso tanto a nivel de Lugo como a nivel galego.

Como xornalista cres que se pode ser totalmente obxectiva e imparcial á hora de comunicar?

Non o creo. Hai unha idea falaz da imparcialidade e da obxectividade. Creo que temos que contar o que está pasando e dar voz a quen non a ten e contar sempre a realidade cun prisma propio. Non hai que caer no erro da ‘equidistancia’ como se está a caer actualmente en moitos medios e prácticas xornalísticas.

“Co BNG os nosos intereses e problemas sempre estarán representados”

Como licenciada en publicidade, fainos un ‘reclamo suxestivo e breve’ para votar BNG o vindeiro 12-X?

Ás persoas indecisas dígolles que confíen no BNG porque nunca enganou a ninguén. Co BNG os nosos intereses e problemas sempre estarán representados.

Que temas da provincia de Lugo consideras máis urxentes para afrontar a partir do 12-X?

O primeiro, evidentemente, Alcoa. Temos unha situación de emerxencia e cómpre nacionalizala cunha intervención pública participada polo Goberno de Galicia e polo Goberno do Estado.

Outro tema urxente é o rural. Cómpre xerar riqueza e garantir as condicións de vida dignas para asentar poboación nel. Necesita dun desenvolvemento real tamén no económico, co peche de ciclos produtivos no que ademais da materia prima traballemos no desenvolvemento de produtos derivados.

E tamén che diría a aprobación da axenda urbana 20-30. Traballar no modelo de cidade urbana sostible, como o exemplo que temos en Pontevedra ou o que se está desenvolvendo este ano na cidade de Lugo onde formamos parte do goberno. Temos que converter as nosas cidades en referentes internacionais.

“Non se poden medir as necesidades das persoas en función de cuestións económicas”

Moito se fala do rural pero á hora da verdade semella que se practique a política do abandono. Como se o rural das aldeas tivese que resignarse a morrer. Que opinas?

O pobo está preparado pero falla o goberno. Levamos anos de desmantelamento de servizos, non fallou o país, fallou o goberno. Por iso, no BNG defendemos os servizos públicos e a necesidade dunha política de desenvolvemento rural para garantir condicións de vida e de traballo dignas, e con conectividade. É unha cuestión ideolóxica, capitalista. Non se poden medir as necesidades das persoas en función de cuestións económicas. O Coronavirus e a crise dos últimos meses demostraron que o futuro é o rural e non as grandes cidades e as masificacións. É unha gran lección que temos que ter en conta.

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...