IniciosociedadeA "inventio da Ribeira Sacra" ante a Unesco

A “inventio da Ribeira Sacra” ante a Unesco

"Non se pode pola mañá promover autovías, canteiras, louseiras, eucaliptos, encoros, eólicos e minicentrais e pola tarde dicir que se fixeron as cousas ben na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade," insisten desde Interior Galego Vivo.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A Xunta e o Goberno Central retiraron a presentación da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade este ano ante a UNESCO por un informe desfavorable do ICOMOS, que recomenda a «non inscrición» da Ribeira Sacra na Listaxe do Patrimonio Mundial e, a diferenza doutras candidaturas, “non hai propostas de mellora porque é preciso reformular o enfoque e a filosofía de toda a candidatura,” apuntan desde Interior Galego Vivo.

Desde Interior Galego Vivo aseguran que “Coñecido o informe, vemos que se afasta do que transmitiron a Xunta e o Goberno central, pois as principais recomendacións teñen a ver coa necesidade de maior protección ambiental e a falta de singularidade da candidatura. O adiantamento estratéxico, decretado por dous gobernos coma todo o proceso sempre desde arriba, é a continuación da farsa e do engano.”

Imos comer turismo

Segundo IGV, “ICOMOS destaca a falta de planificación da carga turística sobre o territorio. A marca territorial Ribeira Sacra, tal e como se proxecta na candidatura, lonxe de sentar os alicerces en pilares de protección e construción de futuro, alimenta un modelo de turismo co que a UNESCO discrepa, pois o Turismo non é quen de sustentar a vitalidade económica do territorio, en canto avanza o despoboamento e se neglixencia o futuro da agricultura tradicional.”

Os encoros para a UNESCO teñen un alto impacto negativo e poñen o acento no impacto visual de eólicos, canteiras ou encoros, ademais dos incendios forestais e as repoboacións con árbores alóctonas (coma eucaliptos).

Presa de Belesar / foros.embalses.net

“Por se o anterior fose pouco, a candidatura baseouse na sacralización do territorio, inexistente hodierno, e sen incluír todos os exemplos de arquitectura sacra importantes e sen avaliar correctamente o seu estado de conservación. A inventio da Ribeira Sacra non parte, xa que logo, da nosa propia historia e do noso patrimonio material e inmaterial, senón dun relato –único, unilateral e inventado– feito desde gabinetes de Madrid e Santiago, que absorben abondos recursos públicos, aínda por riba,” aseguran desde IGV. 

Prospotas de actuación de Interior Galego Vivo 

  • O ámbito “Ribeira Sacra” declarado BIC como Paisaxe Cultural precisa afondar nas políticas de restauración ecolóxica e conservación do Patrimonio.
  • A valoración negativa por parte do ICOMOS da candidatura debe facer reflexionar á Xunta, ao Consorcio de Turismo, ás Deputacións de Lugo e Ourense e ás alcaldías da Ribeira Sacra. É mester unha nova elaboración da candidatura con maior rigor científico e implicación cidadá. 
  • Mistificouse unha paisaxe eminentemente antropizada para criar unha marca territorial e mercantilizalo cun turismo sen planificación. Así, eludiuse no expediente a valoración das consecuencias para a zona que trouxo a política do Franquismo.
  • Que varias organizacións e persoas, entre elas, integrantes de Interior Galego Vivo, rexistraran alegacións ao expediente que sinalaban a necesidade de prohibir expresamente actividades de gran impacto ambiental e que non só non foron tidas en conta, mais mesmo houbo mudanzas lexislativas para continuar favorecendo o acaparamento de terras e a predación do territorio por parte das transnacionais.
  • Que a cartografía presenta aínda incorreccións.
  • Que a participación cidadá na candidatura non se fomentou, pois non se activou a participación cidadá na Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra.

Así, Interior Galego Vivo propón  a convocatoria de xuntanzas abertas coa sociedade civil interesada, para valorar a continuidade da candidatura e, de ser o caso, unha reformulación da mesma, coa reconsideración de alegacións presentadas ao expediente orixinal e a corrección das eivas detectadas pola UNESCO.

Ribeira Sacra/EP

Tamén, propoñen, independentemente da continuidade da candidatura:

  • O aumento dos fondos destinados ao Plan de Acción da Paisaxe, enfocado nas actuacións de restauración ecolóxica.
  • O fomento de máis estudos arqueolóxicos sobre as terrazas das ribeiras.
  • A promoción de foros de debate coa presenza tanto de persoas expertas nos ámbitos da Historia, Xeografía, Bioloxía, Lingüística ou Economía Agraria, para alén de con representantes dos sectores económicos da zona e, sobre todo, da viciñanza das parroquias atinxidas.
  • O impulso dun programa de conservación e divulgación do Patrimonio inmaterial, incluída a microtoponimia, con contratación de persoal para este fin, de acordo coas directrices do Plano nacional de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial.
  • A creación dun Centro de documentación e estudos ribeiraos (CEDER) e aumento das publicacións sobre documentación histórica da zona.
  • A necesidade dunha revisión da planimetría que parta dun rigoroso traballo de campo.

ÚLTIMAS

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...

6 empresas locais constrúen novas naves no Polígono dos Acivros, en Chantada

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, vén de visitar o Polígono dos Acivros...

A Deputación urxe á Xunta a acometer o desdobramento da totalidade do corredor Nadela-Monforte

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, evidenciou a necesidade de completar...

A Xunta reactiva as notificacións para queimas agrícolas

A Xunta de Galicia decidiu volver activar os permisos para queimas agrícolas de particulares....