Duas persoas trasladadas con queimaduras nun incendio en Carballedo

O lume calcinou por completo a cociña da casa.

Camión de bombeiros / PV

Dúas persoas tiveron que ser trasladadas tras sufrir queimaduras despois de orixinarse un incendio nunha vivenda, na parroquia de Ceides, no concello lucense de Carballedo.

Segundo informou o 112 Galicia, un particular alertou á central de emerxencias, ás 12,30 horas, de que ardía unha casa en Ceides e que, polo menos unha persoa, sufrira queimaduras.

De inmediato, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias trasladou o aviso aos servizos sanitarios e aos Bombeiros de Chantada. Ademais, informaron á Garda Civil e a Protección Civil de Carballedo. Ata o lugar tamén se mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Ourense pero, finalmente, os dous feridos foron trasladados en ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Ao finalizar os labores de extinción, os bombeiros confirmaron ao 112 Galicia que se calcinou “por completo” a cociña da vivenda.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here