InicioCulturaO aproveitamento turístico da Ribeira Sacra, un valor en alza

O aproveitamento turístico da Ribeira Sacra, un valor en alza

Promover un turismo de calidade, ofrecendo servizos personalizados e vinculados coa cultura está na base de empresas como Máis que Románico, que ten na Ribeira Sacra un dos seus decorados principais.

Publicado o

- Advertisement -

Segredos de Pantón fíxolle unha interesante entrevista ás representantes de “Máis que Románico”, Beatriz Pérez Pereira e María Abuín Fernández.

– Que é “Máis que románico”, cando naceu esta iniciatica e por que?

Somos unha empresa de guías de turismo que nacemos como Máis que Románico co proxecto “Agroturismo en Terra de Lemos” (Proxecto Ronsel) que puxo en marcha a Universidade de Vigo. Plan piloto de aproveitamento turístico, coa idea de revertir, a súa vez na posta en valor e consevación do patrimonio cultural. Un dos produtos que crearon foi o das rutas do románico (“Hai mil anos…”). Levouse a cabo entre xuño do 2010 e xuño do 2011, tres rutas polos concellos de Sober, Pantón e O Saviñao. A idea inicial do proxecto era poñelo en marcha e que os implicados, neste caso nós como guías oficiais de turismo, continuasemos coa iniciativa. E así foi, poque desde xuño de 2011 facemos as visitas ao románico da Ribeira Sacra grazas ao convenio que temos co Bispado de Lugo. No obstante, levamos traballando como guías de turismo desde hai máis de 20 anos.

– Vemos que están especializadas no románico e realizan a maioría das súas rutas na Ribeira Sacra , por que este ímpetu con esta rexión galega e con este estilo?

Realizamos moitas visitas ao románico da Ribeira Sacra porque é a nosa zona e consideramos que é un recurso cultural e turístico que nos permite non ter que saír a traballar noutras zonas. Pero non só traballamos na Ribeira Sacra, tamén traballamos noutras zonas de Galicia. Estamos máis centradas no turismo cultural e de natureza que é o que demandan os nosos clientes. Ao facer tantas visitas ao románico e formarnos neste tema, facemos unhas visitas moi específicas que é o éxito do noso proxecto na Ribeira Sacra en particular, e en Galicia en xeral.

– Adoitan desenvolver charlas, amosando instrumentos musicais do románico, por exemplo. Vemos que teñen unha gran vontade de acercar o románico á xente.

Como complemento a nosa actividade como guías de turismo, organizamos xornadas formativas abertas a calquera persoa interesada no ámbito da cultura e da natureza. Non hai ningunha intención específica. Este ano, efectivamente, organizamos unha xornada sobre o universo musical no medievo, e ademais, outra de recursos naturais “Do val á montaña” e a nosa III Fin de semana románica centrada na simboloxía. Pero non podemos obviar que a paisaxe da Ribeira Sacra é en boa parte o resultado do periodo Medieval e por eso centramos a nosa actividade no seu coñecemento.

Atán / Máis que Románico

– Para vós ten algo de especial o románico pantonés dentro da Ribeira Sacra?

Para nós todo ten algo. Na Ribeira Sacra temos un románico moi rico, na maioría dos casos, ubicado nun entorno paisaxístico espectacular que é o que nos diferencia doutras zonas de Galicia. No caso do concello de Pantón, temos cinco igrexas moi ricas e un dos exemplares máis importantes do románico galego como é a igrexa de San Miguel de Eiré. Tamén hai que valorar e recoñecer a importante labor, que desde hai décadas, diversas persoas e o propio concello de Pantón, levan desenvolvendo para poñelo en valor e nós recollemos, en parte, os foitos deste traballo.

– Dentro do patrimonio relixioso de Pantón hai unha edificación que ten unha maxia especial, a cova-templo do Cotillón. Coñecedes algo dela? Que opinión vos merece este monumento tan descoñecido?

Si que coñecemos o lugar. É un dos lugares máis interesantes da zona xunto co mosteiro de San Pedro de Rocas no concello de Esgos (Ourense), xa que todo indica que se trataba dun eremitorio da Alta Idade Media. É unha pequena mostra da realidade histórica que non se pode estudar e conservar ao estar nunha casa privada e carecer de protección legal. Por outra parte, esto abre novas vías de investigación que sería interesante levar a cabo.

– Para rematar esta entrevista cunha pregunta máis persoal. Poderíannos dicir cal é o seu templo favorito da Ribeira Sacra? E o seu favorito de Pantón?

Difícil pregunta…Hai moitas xoias na Ribeira Sacra e cada unha delas ten algo especial. Quizáis imos destacar as menos coñecidas que albergan tesouros no seu interior para saír do habitual, como por exemplo Santa María de Seteventos no Saviñao e a súa pintura mural do século XV; San Pedro de Bembibre en Taboada pola súa portada espectacular; San Salvador de Asma polo seu retablo manierista ou San Xoán da Cova en Carballedo, situada nese lugar marabilloso ao carón do río Miño.

ÚLTIMAS

Últimos días para coñecer a exposición Entroido “Mobiliario Vestido”, na casa da cultura de Chantada

A casa da cultura do Concello de Chantada acolle ata o 30 deste mes...

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...