‘Versión Valdeorras’, un proxecto que mira para a Ribeira Sacra

A iniciativa creada para ver durante a corentena obras audiovisuais feitas en Valdeorras remata esta fin de semana. Cristina de la Torre, impulsora da idea, produtora e comunicadora que viviu en Chantada uns anos, contounos detalles do proxecto e anticípanos cara onde pode evolucionar.

Coloquio virtual previo á proxección da película "Pradolongo". Cristina de la Torre con Rubén Riós, Roberto Porto e Ignacio Vilar. Foto: V2

Versión Valdeorras remata un ciclo de programación de películas rodadas na comarca ourensá para ver en aberto durante o confinamento despois dun inesperado éxito. As 11 primeiras películas superaron as 5.000 visualizacións e a continuidade da iniciativa pasa agora por reconverterse nunha revista cultural e que poda transcender a comarcas veciñas como o Bierzo e a Ribeira Sacra. 

Películas documentais e de ficción realizadas en Valdeorras estiveron dispoñibles nun ciclo que estaba deseñado para desenvolverse en tres semanas de abril e que ao final prorrogouse durante dúas máis ata xusto este sábado 9 de maio. Títulos como “Sempre Xonxa”, “Santoalla”, “Pradolongo”, “Os Fillos da vide”, “Lobos sucios” ou “Mundo Salvaje” puxeron en valor a creatividade de profesionais do audiovisual desta comarca e fixeron máis amena a corentena.

A mente creativa de Versión Valdeorras foi Cristina de la Torre, iso si, coa complicidade activa de cineastas como Ignacio Vilar, Domingo D. Docampo, Ana Domínguez, Xosé González e Felipe Rodríguez. Ademais do visionado das obras audiovisuais correspondentes, antes do estreo de cada unha delas fixéronse coloquios que funcionaron moi ben e déronlle un valor engadido ao proxecto.

A primeira remesa de proxeccións, once películas que se ofreceron en abril, superaron as 5.000 visualizacións e os coloquios emitidos en Facebook sumaron máis de 10.000 impactos nos usuarios da rede social. “Houbo películas, como Santoalla e o Desafío do Sil que acadaron 1.500 visualizacións nas 48 horas que estiveron en aberto, a min paréceme unha pasada”, refire Cristina.

Cristina de la Torre. Foto: C.T.

Cando lle preguntamos a esta ruesa inqueda polo balance persoal da iniciativa, teno claro, “para min Versión Valdeorras será unha das cousas que non esquecerei deste tempo. Pasei ratos moi bos falando con compañeiros e amigos que había tempo que non contactaba, nos coloquios houbo unha enerxía moi chula e desfrutamos cada minuto, esquecendo que estabamos pechados na casa e o drama que había ó redor”.

Tras esta boa acollida e este “éxito inesperado”, o proxecto seguirá adiante pero a idea é reconvertelo nunha revista online dedicada á cultura feita dende o rural. En palabras de Cristina, “quero ir convertendo a páxina nunha revista online con máis seccións doutras disciplinas culturais e publicar un ou dous temas cada fin de semana, mantendo os coloquios que me serven para amainar a paixón xornalística, que tamén a padezo”.

E falando, falando, cóntanos que estivo uns anos vivindo en Chantada, lugar onde traballou como xornalista dirixindo informativos en Televinte e tamén como xestora cultural na Asociación Amigos de Manuel Jorge.

Como deixou bos amigos e amigas nesta terra, e está ao corrente do proxecto Canle Ribeira Sacra, velaquí unha porta aberta á colaboración pois nesa idea de catálogo cultural no que pode converterse Versión Valdeorras, Ribeira Sacra é un dos lugares veciños a ter en conta para ampliar contidos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here