Chantada acolle a estrea nacional da peza musical “Sonata en La Maior para violín e piano” de Manuel López Jorge

Manuel López Jorge en concerto/AMJCH

O sábado 15 de setembro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal de Chantada estrearase a obra musical de Manuel López Jorge, Espiral Vermella.

A composición elaborada polos irmáns López Jorge, será un recital de piano e violín inspirada nun cadro do arquitecto e pintor chantadino Manuel Jorge.

Tras a inauguración da exposición do autor Obra pictórica 1958-2017 no Museo Provincial de Lugo, esta será a inauguración da segunda sede da mostra onde os visitantes poderán gozar das obras máis recentes do autor homenaxeando a luz e o colorido da pintura da súa muller, Christina Snellman.

O recital a cargo de Manuel, Javier e Luis López Jorge, familiares de Manuel Jorge, ofrecerá aos asistentes un repertorio de piano e violín que inclúe a estrea en España dunha peza inspirada nun cadro do pintor como mostra de agradecemento a todo o apoio que o pintor lles brindou na súa traxectoria artística.

Cartel do concerto homenaxe a Manuel Jorge/Asoc. Manuel Jorge Chantada

O horario programado para este evento é,

  • 19:30 horas. Apertura de portas. Exposición no vestíbulo do Auditorio
  • 20:00 horas. Inauguración. Presentación no salón de actos
  • 20:30 horas. Concerto de cámara dos irmáns López Jorge.

O concerto dará comezo coa interpretación de Manuel (piano) e Luis (violín) López Jorge da obra Montañas ao lonxe. Seguidamente, o compositor e pianista Manuel López estreará a súa creación Sonata en La Maior para violín e piano e para rematar, Javier López e o seu irmán Luis, poñérán o broche final a este concerto coa obra Piano sonata nº2.

Irmáns López Jorge/AMJCH

Durante todo o concerto proxectaranse as diversas obras pictóricas de Manuel Jorge coas que están relacionadas as pezas musicais.

En declaracións de Manuel López Jorge, “estamos moi ilusionados co concerto desta noite ao cal lle temos moitas ganas. É unha sensación moi agradable tocar na casa onde todo o mundo te coñece e realmente estás en familia. Isto máis que un concerto vai ser unha festa honrando ao pintor. Tamén estamos algo nerviosos como sempre que te subes enriba dun escenario pero sobre todo, moi ilusionados”.

manuel lópez jorge

Compositor e pianista galego actualmente afincado en Londres. Foi premiado en varios concursos internacionais e ten ofrecido concertos nalgunhas das mellores salas de Londres, entre as que se inclúen St. Martin in the Fields, Steinway Hall e Royal Albert Hall. Moi activo en música de cámara, obtivo o primeiro premio nos concursos Leonard Smith e Cavatina. Entre os países nos que actuou detacan España, Reino Unido, Escocia, Irlanda e Alemaña.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here