Chantada adianta o programa da súa 39ª Feira do Viño

O Concello de Chantada vén de presentar a programación e as adegas participantes da 39ª Feira do Viño, evento que terá lugar os días 3, 4 e 5 de xuño.

Feira do Viño de Chantada. Foto Chery.

As adegas presentes no regreso da cita vinivinícola chantadina tras o parón da pandemia serán as seguintes: Adega Enonatur Roberto Regal, Adega Lareu Sabatelivs, Adega Vía Romana, Adega Amedo, Adega Condado de Sequeiras, Adega Albarduxe, Adega Cabo do Mundo, Adega Pilares de Belesar, Adega Instinto Romano, Adega Calexotes, Adega Castrofiz, Adega Diego de Lemos, Adega Pincelo e Adega Santa María de Nogueira.

Durante  os tres días de celebración non faltará a música de charangas e grupos tradicionais no recinto feiral e, como novidade este ano, os postos das adegas estarán abertos ata as 2:00 da madrugada.

A apertura dos stands será o venres 3 de xuño ás 20:00 h. e a música que amenizará o recinto feiral correrá a cargo de “Son Outeiro” –cantos de taberna– e Unión Phenosa. A partir das 23:00 h. actuará a orquestra Claxxon.

Chegando á fin de semana, o sábado terá un marcado protagonismo musical ata entrada a tarde. Polo recinto feiral actuarán os gaiteiros Os Barrios e Searas; e no escenario, ás 12:00 h., o público poderá gozar de dous esperados concertos: o de presentación da ‘Agrupación Tradicional da Casa da Música’ e o que ofrecerá a Banda de Música de Chantada.

En sesión de tarde, acompañará ao público que degusta os caldos de Chantada a Charanga Mekánica, Os Festicultores e Searas. O punto final poñerao a Orquestra Pontevedra.

38 Feira do Viño de Chantada / Concello de Chantada

Para o domingo 5 de xuño está programada a primeira hora a Cata Oficial da XXXIX Feira do Viño de Chantada –10:30 h.– e a continuación máis música para a xornada matinal dominical con Os Barrios, a Charanga NBA e a Banda de Gaitas do concello anfitrión. Ás 13:00 h. será o pregón que nesta edición correrá a cargo de Anxo Angueira, doutor en Filoloxía Galega, profesor da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Casa de Rosalía. A continuación, xantar oficial e ás 16:00 h. entrega de premios aos mellores caldos presentes no evento.

O remate musical correrá a cargo das charangas NBA e Louband, e a Orquestra Saudade poñerá o ramo a partires das 21:00 h.

Como noutras edicións, o Concello de Chantada pensa no lecer dos máis pequenos organizando obradoiros e ocioteca gratuítos a cargo do colectivo local Velaísca. Faranse na Casa da Música, serán para maiores de 3 anos e os horarios para os días 4 e 5 de xuño son os seguintes: de 12:00 a 14:00 h. pola mañá, e de 16:00 a 20:00 h. pola tarde.

CATA POPULAR E TÚNEL DO VIÑO

O sábado, día 4 de xuño, terá lugar a VI Cata Popular –de balde– na Carpa Principal en horario de 17:00 a 19:00 h. De cara a profesionais do sector farase o que será xa o II Túnel do Viño de Chantada na sala principal do Auditorio Municipal. A entrada custará 10 euros e os horarios de acceso serán os seguintes, tanto para sábado como para domingo: de 11:30 a 14:00 h. pola mañá, e de 18:00 a 20:30 h. pola tarde.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here