Incidencias por neve e xeo na montaña de Lugo

O 112 Galicia rexistrou esta madrugada medio cento de incidentes provocados pola acumulación de neve, caída de árbores e, en menor medida, xeo en varios puntos da rede viaria principal e secundaria de Galicia.

Nevada montaña de Lugo / Garda Civil Archivo

Lugo foi a provincia máis afectada co maior número de intervencións debido ás dificultades que atoparon moitos condutores para continuar ruta en diversos puntos de varias estradas, como na A-6 ao paso polo Corgo, onde quedaron parados varios camións, e Pedrafita do Cebreiro. Nestes puntos, mantense o nivel amarelo pola aparición de nevadas. Tamén chegou a activarse o nivel vermello na LU-636 (Sarria- Becerreá) do km 21 ao 30 e na LU-633 (Pedrafita do Cebreiro-Alto del Hospital) do km 0 ao 21. Igualmente, houbo problemas na contorna da Fonsagrada.

Desde que a Axencia Estatal de Meteoroloxía avisara de episodios adversos que comezarían na noite do venres, téñense rexistrado un cento de incidencias polos intensos ventos e chubascos. Meteogalicia anuncia que nesta xornada seguirá esta tendencia. A cota de neve sitúase nos 700-800 metros e irá en progresivo ascenso ata quedar por riba dos 1000 metros ao final do día. As temperaturas sufren un novo descenso. O vento soprará do norte moderado, con intervalos fortes no litoral e zonas altas.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here