En Marea leva ao Parlamento recuperar as materias eliminadas no IES Lama das Quendas

A organización política tamén interpelará a Xunta pola destrución do único horreo no casco urbano de Chantada

Entrada do IES Lama das Quendas de Chantada

A Deputada de En Marea por Lugo, Paula Vázquez Verao, levará ao Parlamento o acordo no Pleno de Chantada para recuperar as materias eliminadas no IES Lama das Quendas. Inclúe a proposta de impulsar un plan específico de ensino rural, mantendo o potencial da escola rural como espazo de socialización e dinamizador das comunidades rurais.

En Marea tamén pedirá que se inste ao Ministerio de Educación a que garanta a concesión de becas de apoio educativo a todo o alumnado que as precise, pois o cambio de criterio de concesión destas becas (pasando a esixirse o certificado de discapacidade ) deixou sen acceso ás mesmas a gran cantidade de alumnado, entre este, unha ducia de alumnos e alumnas de Chantada.

A organización política En Marea interpelará a Xunta pola destrución do único hórreo no casco urbano de Chantada, ben pertencente ao Patrimonio etnolóxico,  por unhas obras realizadas sen licenza municipal.

En Marea pedirá que se inicien de oficio as actuacións precisas para determinar se concorren as circunstancias que xustifiquen a iniciación dun procedemento sancionador (artigo 136 da Lei de Patrimonio) e, de ser o caso, impulsar dito procedemento. Asemade, impulsar as medidas provisionais establecidas polo artigo 137 da Lei de Patrimonio en aras de posibilitar a reparación de danos e a recuperación do ben patrimonial destruído na súa localización orixinal, así como trasladarlle ao Concello de Chantada que inicie un expediente de reposición da legalidade urbanística, tal como ten solicitado tamén por Chantada CUP.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here