O Courel albergará o primeiro gran proxecto de turismo e ciencia de Galicia

Será conxuntamente cos Ancares e concretará actividades específicas que ofrecer a cidadáns en xeral e profesionais de distintos sectores .

O Courel / serradocourel.es

O Courel será o centro dun gran proxecto científico e turístico que porá en marcha a Deputación de Lugo dentro do Plan Estratéxico de Turismo da Provincia de Lugo (2017-2020). O proxecto tratará de poñer en valor os recursos científicos para desenvolver económica e socialmente a provincia a través do turismo.

Ademais do Courel, esta iniciativa tamén incluirá a comarca dos Ancares. Desenvolverase nunha espazo de 102.635 hectáreas, converténdose no plan turístico-científico coa maior zona de estudo de Galicia. Abrangue os municipios de Navia de Suarna, Cervantes, Becerreá, As Nogais, Triacastela, Pedrafita do Cebreiro, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, Baleira, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz.

O proxecto, segundo explicou a Deputación de Lugo, consta de dúas fases, unha de certificación, que comeza de xeito inmediato; e outra de desenvolvemento de actividades específicas no territorio. A primeira fase supón un amplo estudo sobre as potencialidades turístico- científicas. Contará coa participación directa de expertos da Universidade de Santiago de Compostela, así como dos Concellos implicados, colectivos sociais do territorio e entidades. Arranca agora en outubro e previsiblemente se prolongará ata decembro.

A segunda realizará xa actuacións concretas a desenvolver que se definirán coa participación de todos os axentes implicados na fase de certificación. Incluiranse roteiros, conferencias ou xornadas de bioloxía, micoloxía, xeoloxía ou botánica, entre outros. Estarán dirixidas á cidadanía en xeral ou a profesionais do sector.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here