InicioCulturaO 28 de decembro baixará o Apalpador da Devesa da Rogueira

O 28 de decembro baixará o Apalpador da Devesa da Rogueira

Confirmada a súa presenza este día, visitará ás cinco da tarde ás pequenas e pequenos que se acheguen ata Moreda. Dende o Concello de Folgoso do Courel impulsan tamén estes días un concurso de fotos cunha réplica súa a tamaño real que veñen de colocar na Oficina de Turismo.

Publicado o

- Advertisement -

O Concello de Folgoso do Courel anunciou hai uns días que O Apalpador tiña ganas de ter un encontro cos máis pequenos e pequenas da casa e agasallalas/os cun presente. Na actividade colabora tamén a asociación cultural Fonte do Milagro de Froxán.

A xuntanza será nunha cabana que ten o Apalpador á entrada da Devesa da Rogueira e a poucos metros da coñecida Aula da Natureza que Moreda. Alí recollerá a correspondencia que teña na caixa de correo e recibirá no exterior, e con todas as medidas Covid actuais, ás nenas e aos nenos que alí se acheguen ás 17:00 h.

“O que non se fará será a merenda e actuación que posteriormente se facía na escola de Moreda”, comentan dende o concello.

SELFIS COA RÉPLICA DO APALPADOR

A Oficina Municipal de Turismo do Concello de Folgoso do Courel conta dende hai uns días cunha réplica a tamaño real do querido Apalpador.

A figura foi realizada polo artista David L. Gesto con porex, cartón pedra e acrílicos e formará parte da exposición permanente de pezas que xa ten esta oficina municipal. Preténdese que sexa un reclamo máis para todos os visitantes que se acheguen ao Courel, pois ademais de poder velo de preto, poderase coñecer a súa historia escrita nunha lousa.

A figura e o seu autor. Foto: Concello Folgoso do Courel.

A concelleira de turismo, Maria Carmen Vergara, tras recepcionar a peza o pasado 18 de decembro, agradeceu en nome do Concello de Folgoso do Courel “as xestións levadas a cabo por Xulio Pérez Pereiras para contar con esta réplica desta figura tradicional do Courel e do seu creador David L. Gesto”.

Aproveitando esta adquisición o concello, e en colaboración coa asociación Fonte do Milagro, veñen de impulsar un concurso que consiste en facerse unha foto co Apalpador para despois mandala ao correo electrónico turismo@folgosodocourel.com indicando o nome e o teléfono da autora ou autor. Poden presentarse ata o 9 de xaneiro sendo o sorteo o día 15 dese mesmo mes. O resultado publicarase no Facebook do concello e o premio consistirá nun lote de produtos locais –libros, pezas de artesanía, produtos alimentarios autóctonos, etc–.

Imaxe da cesta que se sorteará entre as/os participantes. Foto: Concello Folgoso do Courel

Para acceder á figura do Apalpador e facerse a foto con el cómpre ter en conta os horarios de apertura da Oficina Municipal de Turismo que serán os seguintes: De mércores a sábado de 10:00 a 14:00 h. pola mañá, e de 15:30 a 18:30 h. pola tarde. Os domingos o horario será só de mañá, de 10:00 a 14:00 h.

ÚLTIMAS

A A.V. do Saviñao pide aumentar as prazas de taxi

A Asociación Veciñal do Saviñao dirixiuse á Alcaldía do Saviñao coa finalidade de trasmitir...

Últimos días para coñecer a exposición Entroido “Mobiliario Vestido”, na casa da cultura de Chantada

A casa da cultura do Concello de Chantada acolle ata o 30 deste mes...

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...