Uxío Novoneyra volve a Folgoso do Courel

A familia trae os seus restos desde o cemiterio de San Froilán de Lugo para ser soterrados "baixo a horta" da casa familiar.

Uxío Novoneyra / ivanlopezgimeno.com

Os restos mortais do poeta Uxío Novoneyra (Folgoso do Courel, 1930-Santiago, 1999) descansarán para sempre no Courel, tras ser trasladados este venres desde o cemiterio de Lugo ata “á horta da súa casa”, como pedira.

Así o manifestaron no acto de despedida celebrado este venres no cemiterio lucense de San Froilán, onde a súa familia recitou versos do poeta: “Vido visto ben Santiago / i esa cuestión non resolta / fago camiño de volta / camiño de volta fago. / Camiño de volta fago / volvo do cabo do Mundo. / Terra só en ti fúndome: / é a certeza que trago“.

Despois de máis de vinte anos en Lugo, os restos do poeta galego descansarán en Folgoso do Courel, na súa casa, como era o seu desexo. “O meu pai era un namorado de Lugo, era de Lugo, eu son de Lugo… pero el pediu facer o camiño á inversa: De Santiago ao Courel pasando por Lugo”, detalle Uxío Novo, fillo do homenaxeado.

RODEADO DE ROSAS

A familia quixo cumprir co desexo de Novoneyra e, tras ler varios dos seus poemas, co himno galego de fondo, describiu o seu novo lugar de descanso: “Estará na horta baixo terra, como el quería, rodeado de rosas, de follas de castiñeiro de verdade e tamén de bronce”.

Así, despois de dúas décadas “rodeado dos seus amigos” Pimentel, Anxel Fole, Álvaro Gil, entre outros, Uxío Novoneyra chega ao final do seu traxecto e descansará, para sempre, na súa casa, rodeado dos seus familiares.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here