Os soutos e as castañas son fundamentais na paisaxe e na cultura do Courel

O sábado 3 de novembro celébrase a XXXI edición da Festa  da Castaña en Folgoso do Courel, Festa declarada de Interese Turístico de Galicia no 2013. Falamos coa técnica de cultura do concello do Folgoso do Courel, Marta Arza.

Festa da Castaña 2016 / Wikipedia

A localización da Festa da Castaña do Courel altérnase desde o comezo entre Folgoso do Courel e Seoane, de modo que os anos pares celébrase en Folgoso do Courel, así que este ano o turno é para a capitalidade municipal. A festa, que se celebra no souto da Carroza de Folgoso, abrirase ás 12:00 h. co grupo Cantores do Caurel. Ás 13.30 o chef, Miguel González Quintela, lerá o pregón.

Falamos coa técnica de cultura do concello do Folgoso do Courel, Marta Arza.

Por que se escolleu ao chef Miguel González para ler o pregón?

Este ano, como novidade e para completar as propostas ao redor da festa, estase celebrando o I Concurso de Tapas Castaña do Courel. Celebrouse a fin de semana do 27 e o 28 de outubro e vaise celebrar os días 1 e 2, aproveitando a ponte. No programa da festa recóllese a entrega do premio á mellor tapa elaborada con castañas, e quen mellor que alguén do sector para a entrega do premio? Ademais Miguel ten recibido premios e recoñecementos en elaboracións con castaña.

Tapa do concurso de tapas Castaña do Courel / Concello Folgoso do Courel

Como se completa a programación da xornada?

Tradicionalmente cando a festa era en Folgoso facíase os domingos e Seoane celebrábaa os sábados. Este ano, ao cadrar coa ponte, decidiuse celebrala o sábado e programar tamén máis actividades. Despois do pregón actuará o grupo de música tradicional Quenindiole. Haberá degustación de balde, de castañas asadas e viño e a tarde estará amenizada por un grupo de música tradicional e unha charanga. Haberá postos de artesanía e outros produtos locais e servizo de pulpo e churrasco. Ás 20.00 h. actuará o dúo Carta de Ajuste, co espectáculo de música e humor “O mellor e o peor dos 80 e 90”. A partir das 21.30 teremos verbena, aproveitando que ao día seguinte e domingo.

A festa faise nunha fin de semana concreta cunha data fixa ou varía?

Faise sempre a comezos de novembro. A primeira fin de semana ou a segunda, neste caso faise a segunda porque coincidía coa ponte e así aproveitamos a cantidade de xente que nos visita estes días.

Vanse asar 700 quilos de castañas e estamos en ponte, canta xente se espera que acuda?

Podo dicirche que miles de persoas, ao longo do día é moi difícil cuantificar un número. Veñen moitos autobuses de operadores turísticos, organismos e asociacións que queren coñecer como se asaba a castaña de modo tradicional e que queren pasar un día diferente participando da festa e a eso hai que engadir toda a xente que aproveita a ponte para pasar uns días no Courel e a xente que vén ese día pola súa conta a gozar coa festa.

castañas / ecoagricultor.com

Que representa a castaña para o concello de Folgoso do Courel?

No concello celébranse dúas festas de exaltación da castaña, a Festa da Castaña que esta fin semana chega á súa 31 edición e a Festa da Pisa da Castaña que se celebra en Froxán na ponte de decembro. Na primeira a protagonista é a castaña nesta época, a castaña que cae da árbore, a castaña para asar. A Pisa da Castaña ten como protagonista a castaña seca, despois de estar no sequeiro, a castaña pilonga.

Dúas festas e un territorio cheo de soutos e de Sequeiros, esa é a importancia deste produto no Courel. Utilizábase e utilízase para a alimentación de persoas e animais e o castiñeiro vale para todo, tamén foi sempre moi útil para obter leña ou para a construción. Na paisaxe e na cultura, os soutos e a castaña son fundamentais no Courel.

Como están este ano as castañas, boa colleita?

A climatoloxía dos últimos anos non é a mellor para a castaña porque a castaña en setembro necesita choiva e este ano e o pasado, non choveu en setembro, entón a produción está sendo irregular, depende da variedade… para o sábado haberá castañas.

cartel da Festa / Concello de Folgoso do Courel

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here