A Deputación aproba por unanimidade a moción do PP para recuperar e poñer en marcha Augasmestas

No 2015 a Deputación adxudicou a xestión do complexo quirogués de Augasmestas que a día de hoxe segue pechado

PP Lugo / Augasmestas

O PP considera que resolver a situación de Augasmestas é un exercicio de responsabilidade despois de todo o investimento feito nestas instalacións. Aseguran os populares, na súa moción, que o BNG no 2008 e o PSOE no 2014 utilizaron este complexo como reclamo electoral, presentando proxectos renovadores e ambiciosos, pero en ningún momento se fixo nada e as instalacións seguen pechadas.

Para o PP esto demostra o abandono e despreocupación por parte da Deputación cara moitas das instalacións da súa competencia, non só en Quiroga. No caso de Augasmestas desde o PP solicitan a súa posta en marcha canto antes e que a Deputación colabore coa que foi adxudicataria no 2015 para a axilización dos permisos pendentes. Desde o PP din non ter coñecemento de que se conte co correspondente permiso da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e sen ese permiso o concello de Quiroga non pode conceder a correspondente licencia de apertura.

O complexo turístico de Augasmestas construiuse no 1996, cunha superficie de 10 hectáreas na zona onde o río Lor desemboca no Sil. O complexo incluía na súa oferta: área recreativa, aparcadoiro para autocaravanas, cafetería, piscina, aseos e zona de acampada entre outros servizos. No 2004 acometíanse obras de ampliación coas que se rehabilitaban varias edificacións e se dotaba ao lugar de cinco bungalós. Desde esta ampliación o complexo funcionou por dous anos e aseguran desde o PP que cando o bipartito chegou á Deputación “ o complexo de Augasmestas caeu en desgraza, sendo saquedo e espoliado”.

O PP agarda que coa aprobación por unanimidade da súa moción, a Deputación cambie de actitude sobre estas instalación e se implique para poñela en marcha canto antes.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here