Vinte e dous anos honrando á poesía en Quiroga

O sábado 28 de agosto terá lugar o XXII Encontro de Poetas no Val de Quiroga, organizado polo Concello de Quiroga.

Imaxe do cartel desta XXII Edición

Conta atrás para o encontro coa poesía no Val de Quiroga. O prazo para aquelas persoas que queiran participar no recital remata o mércores día 25 de agosto. Para poder intervir deberán deixar constancia na Casa da Cultura de Quiroga ou no teléfono 982 435125. As persoas que desexen asistir como público ao encontro non precisan anotarse, ocuparán lugar entre o público por orde de chegada e ata completar o aforo permitido.

O certame poético será presentado polo poeta ponferradino Emilio Vega, contando como pregoeira para esta nova edición coa escritora, tamén de Ponferrada, Raquel Villlanueva Lorca.

Nesta XXII edición do ‘Encontro de Poetas no Val de Quiroga’ hai xa anotados uns trinta participantes, poetas e poetisas que xa veñen participando dende a primeira edición deste certame pero tamén algúns e algunhas que intervirán por primeira vez.

O acto contará coa música en directo do cantautor Javier Rodríguez Sotuela e o dúo monfortino “Yoton” integrado por Toni Eudosieva e Yoan Grudikov.

Yoan Grudikov e Toni Eudosieva. Foto: Germán López

Dende o Concello de Quiroga afirman que con este evento “queren fomentar o interese pola literatura en xeral e pola poesía en particular, ademais de ofrecer a posibilidade de desenvolvemento da creatividade de todos os poetas e poetisas, algúns ata este intre no anonimato, que atopan neste tipo de eventos o lugar axeitado para expresar e mostrar a súa obra”.

Unha vez rematado o evento entregaráselles a todos participantes do certame un pequeno detalle para agradecerlles a súa participación neste novo encontro de poetas no Val de Quiroga.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here