Ferida grave unha motorista tras saírse da vía no Incio

Foi trasladada a un centro hospitalario en ambulancia medicalizada.

Ambulancia do 061. 061-GALICIA - Arquivo

Unha motorista foi trasladada ao hospital tras resultar ferida de consideración ao sufrir unha saída de vía co seu vehículo mentres circulaba pola LU-641, ao seu paso polo muncipio lucense do Incio, pertencente á Comarca de Sarria.

Segundo detallou o 112 Galicia, os feitos tiveron lugar sobre as 15,00 horas deste sábado, cando un particular contactou co centro integrado de atención ás emerxencias para alertar dun accidente grave que tivera lugar entre os lugares de Toldaos e O Igrexario.

Esta persoa indicou que unha muller que se saíu da vía mentres circulaba coa súa motocicleta precisaba de asistencia de modo inmediato. Posteriormente, os xestores do 112 informaron do ocorrido ao persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os bombeiros de Sarria, os axentes da Garda Civil de Tráfico e Protección Civil da localidade.

Debido á gravidade das lesións provocadas polo impacto, foi necesaria a intervención dunha ambulancia medicalizada para a atención da muller ferida, que foi trasladada a un centro hospitalario. Ademais, o 112 Galicia solicitou a intervención do servizo de mantemento da vía para a realización das tarefas de limpeza da estrada.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here