A estrada entre Láncara e Valdriz estará catro meses pechada

A Xunta decreta o peche para iniciar as obras de acondicionamento da LU-621.

Estrada en Láncara/Arquivo

As obras para avanzar no acondicionamento da LU-621 e a execución dunha nova senda causarán un corte de tráfico na vía entre Láncara e a urbanización de Valdriz desde este martes. Segundo detallou a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, as obras, para as que o investimento autonómico alcanza os 730.000 euros, retomáronse tras desviar a liña de evacuación da central hidroeléctrica e obter os permisos correspondentes.

Deste xeito, procederase a pechar ao tráfico o tramo da LU-621 comprendido entre Láncara e a urbanización de Valdriz durante os próximos catro meses e buscarase axilizar os traballos para minimizar o período de corte. O desvío do tráfico permitirá acometer a mellora do trazado coa rectificación da curva anterior á ponte e ampliar a plataforma deste último, o que inclúe as canalizacións e cruces de servizos como o saneamento.

Tamén se executará unha senda de 460 metros de lonxitude que conectará as beirarrúas da travesía da Pobra de San Xiao e o acceso á urbanización de Valdriz, o que engloba a ampliación da ponte. A Xunta comezou a abordar co operador que presta o servizo de transporte escolar as rutas alternativas para ofrecer a mellor solución posible. Ademais, o corte de tráfico iniciarase este martes tras o paso da ruta escolar.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here