O nerviosismo pola proximidade das eleccións municipais xa se nota no Incio

O PP do Incio láiase de que o Concello non pedise un obradoiro de emprego que a Xunta de Galicia ofrece a través da consellería de Economía, Emprego e Industria e a alcaldesa pronúnciase ao respecto.

Laura Celeiro, alcaldesa do Incio / Foto: L.C.

O PP do Incio lamenta que o Concello non solicitase un obradoiro de emprego que a Xunta de Galicia ofrece a través da consellería de Economía, Emprego e Industria pois na provincia de Lugo concedéronse 20 pero o Incio non está na listaxe.

Ante tal afirmación por parte do principal partido da oposición, a alcaldesa do PSOE, Laura Celeiro declara que, “efectivamente non solicitamos o obradoiro de emprego por dous motivos; por unha banda tiñámonos que adherir a outro concello para optar a esta subvención e non o atopamos e polo outro, actualmente temos a un empregado do Concello de baixa e o secretario é compartido con outro, polo que nestas circunstancias e tendo a conta a carga de traballo que soportamos actualmente, era imposible facerlle fronte a toda a documentación que dende a Xunta se require para solicitar axudas deste tipo”.

E é que segundo os populares á alcaldesa sofre de falta de compromiso co emprego local ao mesmo tempo que consideran que se desperdiciou a oportunidade de ofrecer formación e un salario a persoas en situación de desemprego durante un período mínimo de 9 meses co obxectivo de mellorar a súa empregabilidade.

Seguindo esta liña, a socialista engade que, “dende a corporación non temos falta de compromiso co emprego da zona pois á vista está que ata fai uns días tivemos empregados no Concello a 2 persoas para desbroces a través dunha subvención, temos 4 membros dunha brigada de incendios e 6 peóns municipais a través do programa provincial Depuemprego. Igualmente, en decembro, entrarán a traballar outras 3 persoas a través do programa de fomento da inserción laboral da Deputación de Lugo”.

A alcaldesa ten claro que as únicas subvencións que recibe o seu concello por parte do goberno autonómico son as que obrigatoriamente lles ten que conceder, e que “senón chega ser pola Deputación de Lugo e o seu programa Plan Único, o Incio non recibiría axudas e polo tanto moitas das cousas que se están levando a cabo na zona son feitas polo goberno socialista”.

Dende o goberno municipal tamén teñen claro que o turismo é unha fonte moi importante de ingresos e que, aínda que a zona é unha gran descoñecida para moitos, pouco a pouco o obxectivo é fomentar os atractivos da zona para así dinamizar a economía local. A Ruta do Mamut, a Ruta do Ferro, o Embalse de Vilasouto, a Igrexa de Hospital, o antigo Balneario da Ferrería ou o Val do Mao son algúns dos puntos estratéxicos da concello para fomentar as visitas locais. “Queremos fomentar a Ruta do Mamut porque no Incio é no único sitio de Galicia onde se atoparon ósos da especie animal e é algo moi interesante. E a Ruta do Ferro é espectacular, a xente que a faga vai quedar encantada”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here