InicioCulturaQuen protexe e como se protexe Cova Eirós, a Altamira galega

Quen protexe e como se protexe Cova Eirós, a Altamira galega

A cementeira Cosmos presume dun premio por protexer este BIC logo de que un sentenza lle prohibira explotar unha canteira próxima. Diversas asociacións denunciaron nos últimos anos que as actividades desta empresa afectaban a esta cova prehistórica que conserva as primeiras evidencias de arte rupestre paleolítico do noroeste peninsular.

Publicado o

- Advertisement -

cementeira Cosmos, propiedade da multinacional brasileira Votorantim, sacou uns días peito do Premio Nacional de Desenvolvemento Sustentable en Canteiras y Graveras concedida á explotación mineira Don Isidro, que abastece de materias primas á planta cementeira de Oural (Lugo), para destacar que é a empresa que máis protexe a cova Eirós.

Excanvando en Eirós | Fonte: USC

Así, Cosmos suliña o seu compromiso para protexer esta gruta de máis de 100 metros de longo con restos paleontológicos de entre 30.000 e 50.000 anos de antigüidade. Unha reafirmación que chega tras as denuncias de organizacións patrimoniais e ecolóxicas pola afectación que as súas actividades tiñan sobre esta cova.

De feito,  o xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo anulou o pasado ano a licenza outorgada en 2014 polo Concello de Triacastela a Cementos Cosmos para explotar a canteira de Vilavella, en cuxas inmediacións se atopa esta cova que conserva as primeiras evidencias de arte rupestre paleolítico do noroeste peninsular. O xulgado entendía que realizar actividades no entorno de Eirós podería poñer en risco os materiais prehistóricos atopados nelas.

A cementeira Cosmos alegou entón, principalmente, a ausencia dunha declaración favorable de impacto ambiental e a ausencia dunha protección maior deste ben para xustificar o inicio de actividade na mina adxacente. Pero a presión social e medioambiental fixo que a cova fora declarada Ben de Interese Cultural (BIC) a mediados do pasado ano. Curiosamente, a cementeira asegura agora que foi ela a que “propiciou e colaborou coa Administración” para que Cova Eirós tivera esta categoría de protección.

PROTECCIÓN

“Tradicionalmente a cova usouse para gardar animais e, no transcurso dos anos, sufriu actos vandálicos como grafitis e inscricións nas paredes ata que Cementos Cosmos tomou as primeiras medidas de protección nos anos 90”, aseguran desde esta empresa para insistir o seu compromiso coa protección do xacemento.

Imaxe, tratada para destacar os elementos artísticos atopados na Cova Eirós de Triacastela (Lugo)

Así, lembra que, desde entón, a empresa mantivo unha “estreita colaboración” coa Administración titora do patrimonio cultural e co Concello de Triacastela (municipio onde se localiza a cova), co propósito de compatibilizar a explotación dunhas minas calcarias “de importantes cualidades” e a existencia deste “extraordinario xacemento arqueolóxico”. Unha compatibilidade que non foi tal para os colectivos ambientalistas que denunciaron en numerosas ocasións que as actividades da cementeira estaban poñendo en risco a coñecida xa como Altamira galega.

Cosmos insiste que se recibiu o premio foi polas medidas de protección que puxo en marcha nesta cova. Entre elas, a mellora do control de acceso, que inclúe o peche perimetral que impide o paso a persoas non autorizadas ao xacemento e o deseño e configuración dun macizo de protección integral da cova que garanta unha distancia mínima de 50 metros a calquera punto da cavidade.

Ademais, lembra que deseñou un plan de xestión que “define a estratexia de conservación da cova, restauración da súa contorna e mellora dos beneficios xerados a partir da biodiversidade e dos servizos ecosistémicos”. O seu obxectivo é,  “destacar o valor cultural que Cova Eirós representa para a comunidade local e galega”.

CRÍTICAS

Pero grupos de defensa do patrimonio e ambientalistas como Petón do Lobo, Adega ou a Asociación Cultural Iribio teñen criticado duramente as actividades da cementeira na proximidade da mina e tamén a categoría que se lle deu á cova como BIC.  Di que a máis acaída sería a de “xacemento ou zona arqueolóxica”, e non a de “monumento”, segundo a definición establecida no artigo 10 da Lei vixente do Patrimonio Cultural.

Estas entidades criticaron que a protección do xacemento fíxose “conforme aos actuais intereses da explotación mineira de Cementos Cosmos”, no canto de basearse en criterios científicos, de interese público, ou destinados a garantir a protección duns valores patrimoniais de extraordinaria excepcionalidade.

Ademais din que só se prevé unha contorna de protección de 50 metros, en contra do criterio do informe do Consello da Cultura Galega que era de 200 metros, para evitar que no futuro se produzan situacións de risco.

Canteira de Vilavella e a súa proximidade á Cova Eirós | Fonte: Salvemos Cabana.

ÚLTIMAS

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....