A República das cereixas

Unha reflexión sobre o "traballo arqueolóxico e divulgativo, feito desde a ciencia para a xente e coa xente, mesturando o académico co popular", que se vén facendo na Pobra do Brollón.

Ribeira de Vilachá na Pobra do Brollón. Foto: Adegas da Memoria

Dentro do Reino de España está medrando unha República. Antes de que veña a fiscalía buscarme por sedición, aclaro que non me refiro a unha forma de organización do Estado, senón ao conxunto de valores que abrollaron o 14 de abril de 1931, que, en cinco anos, inzaron a terra toda de escolas, de cultura, de dereitos, de vocación de xustiza social e dignidade para toda a poboación, e que rematou da forma tan tráxica como empobrecedora que xa coñecemos.

Esta nova República, con capital en Cereixa e ramificacións en Vilachá, Vilarmao e outros lugares que se suman á floración, vén continuar aquela, comezando pola recuperación da(s) memoria(s) de quen nos precedeu, non como un exercicio con finalidade de mera erudición nin museística, senón como unha forma de reivindicación da orixe, unha homenaxe a quen con traballo e sufrimento, mais tamén entre alegrías, canto e danza, nos trouxo até aquí. Un traballo coral, que conta co impulso da que, tal vez sexa a primeira xeración, desde que estivo habitado o castro, que tivo formación superior e que entrega a intelixencia e o coñecemento á prosperidade do seu pequeno país, e co apoio do Concello da Pobra que, na mellor versión de como representar ao pobo, se pon ao servizo deste.

É preciso citar o proxecto “Adegas da Memoria”, os recentes achados no lugar dos conventos en Vilachá de Salvadur e, por suposto, o “Proxecto arqueolóxico Castro de San Lourenzo”. Estamos ante un excelente traballo arqueolóxico e divulgativo, feito desde a ciencia para a xente e coa xente, mesturando o académico co popular, unha das aliaxes con máis capacidade transformadora que se coñecen.

Aquí fálase de Historia e de Historias, con rigor e con amor. Enzóufase a ciencia na aldea, mestúrase e enriquécese e, dese feliz encontro, saen persoas máis sabias aínda, con máis amor polo seu e co orgullo de saberse partícipes, de tomar consciencia de seren o elo que une pasado e futuro.

É un auténtico exemplo que nos mostra o camiño para saír desta situación de ansia económica e demográfica: a reivindicación do coñecemento, a colaboración entre institucións e persoas, o amor propio e a determinación por conseguir aquilo que se quere, e xa se sabe que só se quere o que se coñece. Parabéns por tan bo traballo.

Hoxe, neste tempo de cereixas, a Pobra do Brollón é a capital do universo.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here