Begoña Ibarrola falará sobre educación emocional en Monforte

A conferencia terá lugar este xoves día 30 na Casa da Cultura Lois Pereiro da cidade do Cabe.

Unha charla anterior organizada por aulABERTA. Foto: Cedida pola Asoc.

A asociación cultural, educativa e social monfortina aulABERTA, creada por persoas relacionadas co mundo do ensino e con inquedanzas nos ámbitos cultural, educativo e social da comarca, convida esta semana a un novo encontro co saber e o coñecemento  dentro do seu ciclo de charlas e conferencias divulgativas.

Nesta ocasión, o día 30 ás 20:00 h. e no salón de actos da Casa da Cultura de Monforte, a conferencia versará sobre educación emocional. A relatora será Begoña Ibarrola, psicóloga, escritora e gran comunicadora que ten participado como colaboradora en programas de radio a nivel nacional.

A súa dilatada experiencia como divulgadora especialista en psicoloxía, intelixencia emocional, intelixencias múltiples, musicoterapia e neuroeducación aválana como especialista de primeiro nivel. O título da charla que impartirá en Monforte é “A educación emocional: unha materia pendente”.

Ibarrola soña cunha nova forma de educar, onde se atenda ao desenvolvemento integral de cada alumno e alumna para axudalo/a a despregar todo o seu potencial, e onde a educación emocional estea presente para que aprenda a ser mellor persoa.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here