InicioCultura“Non cambiaría a miña infancia en Taboada por nada” explica a cantante...

“Non cambiaría a miña infancia en Taboada por nada” explica a cantante e compositora Najla Shami na preestrea de Ela sabe a sol

Najla Shami, compositora, cantante e guitarrista galego palestina que pasou a súa infancia no Concello de Taboada, presenta o seu último traballo, un disco-libro, títulado “Ela sabe a sol”. Najla leva toda unha vida adicándose á música, se ben para o público comeza a ser máis coñecida no 2013 co disco-libro “Na lingua que eu falo”, no que musica e canta poemas de Rosalía de Castro, e coa aparición no 2015 como xurado do programa da TVG Oh Happy Day!

Publicado o

- Advertisement -

Aproveitamos a rodaxe do videoclip Taboada, que se rodou durante estes días no concello, para falar coa artista.

O libro-disco Ela sabe a sol, que edita Galaxia, poderase atopar en todas as librarías a finais deste mes, pero xa está con concertos de preestrea. Como está sendo a acollida?

Estou absolutamente encantada. Ata agora tiña colaborado con numerosas formacións e feito concertos en solitario ou en dúos, pero nesta ocasión acompáñame unha banda. O disco ten un son especial que mestura oriente e occidente e quería defendelo cunha banda. Escollín aos músicos para que o son fose o máis fidedigno ao traballo. Acompáñanme Marcos Teira á guitarra; Álex Salgueiro aos teclados e sintentizadores; Jaime Muñoz de Madrid, ventos orientais e Leandro Deltell ás baterías. Fixemos preestrea na Praza do Toural de Santiago de Compostela, dentro do ciclo Artellando e o venres, día 7 de xuño, presentamos o traballo no Vello Cárcere, en Lugo. O directo está sendo máxico, estou moi, moi contenta.

Ela sabe a sol é o título do teu último traballo e do primeiro single. Como definirías Ela sabe a sol?

O single representa todo o traballo, ten a parte castelá de ritmos españois, a galega e a árabe. A muller é a protagonista. O disco é feminino de arriba a abaixo; quero representar a forza feminina; todo o que a muller é e ten; sen queixas. As mulleres temos un poder e un brillo interior que non fai falta explicar, cando as cousas brillan a xente únese a iso e o disco está construido sobre esa liña. Todas as cancións falan de paisaxes da muller. Ela sabe a solé un renacemento, fala de etapas nas que tocas fondo e renaces. Cada canción fala dalgo diferente desa forza feminina. É un disco moi solar, partindo do que é o lume, o Fénix e o sol. É o meu traballo máis persoal, onde se atopa Najla ao completo, na música, nas letras, no modo de cantar.

Califícaste como fusión, como foi o camiño ata chegar aquí?

Foi fusión desde o comezo, se ben na adolescencia facía máis pop, teño temas sen publicar que algún día publicarerei; despois entrei no jazz; no 2006 comezo coa música brasileira, tamén co folk con Fía na Roca e o acid jazz. No 2013, Galaxia proponme musicar poemas de Rosalía de Castro, que é o primeiro traballo que fixen co meu nome. Neste momento, a nivel de estilos, tiña tantos camiños e tantos frentes abertos que fun dándolle forma a todo para concluir que son fusión, é o que máis me gusta. Así aparece Ela sabe a sol e direiche que xa estou compoñendo o seguinte traballo e vai ser totalmente distinto e espero non deixar de facelo así porque a min gústanme unha morea de cousas diferentes, tampouco son unha persoa de cinguirme a un só estilo.

Aquí está  máis representado o meu eu, o eu co que sentía que tiña unha débeda e que ten que ver moito co estilo mestizo. 

Najla Shami na rodaxe do videoclip Taboada / Némesis Audiovisual

Ela sabe a sol conta cun tema titulado Taboada, concello no que Najla se criou. Alí acabas de rodar o videoclip, que papel xogou Taboada na Najla artista?

Este disco plasma o que son polo que fun, por onde me criei, o que vivín, polo meu sangue, miñas influenzas,… Taboada escribina cando fun facer o pregón da Festa do Caldo de Ósos, fai xa 4 anos. Estaba nervisiosísima para aquel pregón. Todo foi moi poético, todo o mundo me foi escoitar, meus profesores, amigos, veciños… Para min foi unha honra e sempre considerei unha sorte criarme en Taboada. Crieime en liberdade absoluta, gocei da natureza. Taboada deume unha morea de cousas fermosas. Para min foi moi especial criarme en Taboada e isto é un agradecemento. Non cambiaría a miña vida na infancia e mocidade en Taboada, por nada.

No tema Taboada utilizo unha kalimba, meu instrumento fetiche que meto en todos os discos, é un instrumento africano pequeniño e aquí axúdame a darlle un trato especial á canción. Por iso tamén á hora de pensar no videoclip, pensei en facelo con Némesis Audiovisual, porque unha das promotoras é de Taboada e medramos xuntas neste concello. Todo nesta canción é moi especial para mín.

Despois de toda unha vida no sector, como valoras a situación dos músicos e cantantes en Galicia?

Fácil non é. O problema é de base educacional, a música vaise retirando do sistema educativo e hai moitos realities na tele que fan fraco favor ao oficio. Todo o mundo pensa que por cantar na tele xa é músico, pero as cousas non son así. O oficio de músico foise desprestixiando a nivel social en favor do que é espectáculo, lonxe da faceta artesán. Hai moitos recortes a nivel cultural. O réxime laboral para os músicos é dos peores de Europa, isto fai que traballar nisto sexa realmente amor á arte. Pagamos uns impostos desorbitados e o réxime de autónomos é unha tortura. Prográmanse cousas pero baixaron moito as condicións a nivel de cachés.

En canto á música galega non temos unhas entidades e un goberno que nos defenda como corresponde, cun circuito de músicas do mundo como debería ser. Hai circuitos de festivais pero máis enfocados ao rock e ao pop.

E da música que se fai que opinas?

O oficio da música, porque a música é un oficio, estase perdendo e trátase dun oficio artesán que hai que traballalo e todos os avances e novas tecnoloxías no sector penso que deberían motivar para coñecer máis a linguaxe do oficio e non para o contrario. Ten que haber cancións para mover o traseiro, pero non pode ser que iso inunde todo, a min iso asústame. Eu cando escribo son profunda porque defendo a poética nas cancións.

Valoro á xente que estamos no underground e sacamos a cultura adiante, senón todos escoitaríamos a mesma música, ata isto se capitaliza, todo o mundo soa parecido. Nas músicas do mundo é onde se atopa máis orixinalidade, o que tes onde medraches é o único que te diferenza do resto do planeta. Galicia é unha terra de variedade e iso nótase na música que aquí se fai.

A curto prazo que percorrido lle queda a Ela sabe a sol e con que idea che gustaría que a xente se achegase ao traballo?

Ela sabe a sol é unha viaxe sonora entre oriente e occidente que transportará á xente, viaxará a moitísimas latitudes. É un libro honesto, elegante, bonito. As fotografías e as letras din algo. A nivel musical é un luxazo. Ao sacar o disco agora, agardamos un maior volume de concertos na tempada de outono-inverno, aínda que gozaremos dalgúns no verán como os que temos este venres en Lugo, o 4 de xullo estaremos en Barbadás, en Ourense e o11 de xullo participaremos nos Xoves de Códax en Martín Códax, onde faremos unha colaboración con Zenet.

Cartaz concerto Lugo

ÚLTIMAS

‘Volta ao xogo’: o novo single dos chantadinos TIAM Gz

Tras dous anos sen sacar temas, neste 2024 a banda de Chantada TIAM Gz...

Curso de ‘alquimia herbal’ en Torbeo, Ribas de Sil

Os e as amantes das plantas, e do seu poder medicinal, teñen a vindeira...

Rebaixan a pena dun veciño de Monforte condenado por violación

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo rebaixou, en aplicación da lei do...

O IES Río Cabe no centro da cultura financieira

Durante a xornada contouse coa visita da directora xeral de Ordenación e Innovación educativa,...