InicioCulturaUnha nova voz poética no Saviñao

Unha nova voz poética no Saviñao

Adrián Maceda, de 21 anos e natural do Saviñao, recolleu o XIII Premio de Poesía Antonio Gala polo seu poemario "Índice".

Publicado o

- Advertisement -

Adrián Maceda (O Saviñao, 1997) recolleu o pasado venres día 22 o XIII Premio de Poesía Antonio Gala na vila malagueña de Alhaurín el Grande. Trátase dun certame poético internacional dirixido a mozos de entre 18 e 35 anos cuxo obxectivo é darlle unha oportunidade ás novas promesas da lírica. Do seu poemario, titulado Índice, o xurado destacou que “fala da beleza como unha verdade trascendente que se constrúe no interior do home”. Falamos co poeta para coñecer máis a fondo o seu mundo interior.

Cal é o fío condutor das composicións contidas en Índice?

A idea central do poemario, e a que lle dá organicidade, é a búsqueda do significado de beleza. Con todo, o que traballo en Índice son tres eixos temáticos que cosidero importantes e que me chamaron o interese no seu momento. Na primeira parte fago fincapé na idea de beleza subxectiva e nos efectos que podería ter no poeta a busca da verdade, da bondade e da beleza. A segunda parte chámase Soñaoiva, unha palabra que xorde despois de alterar a orde das letras de Saviñao. Neste epígrafe, tristemente o máis breve do libro, evoco as sensacións que me transmite este sitio tan querido no que nacín. Fago unha especie de unión panteísta entre a paisaxe e un mesmo. O último treito chámase Canon Apócrifo e nel fago unha revisión crítica desta historia da literatura que nos queren vender. Por iso, falo de poetas que me gustaron ou dos que aprendín moito pero que non son demasiado coñecidos. Tamén fago un exercicio de universalización. Temos o costume de crer que somos o centro do universo e eu intentei recabar recursos de tradicións como a rusa, a chinesa, a portuguesa e, por suposto, a galega.

Que significa para ti este recoñecemento e as palabras do xurado?

Pois iso é o máis valioso que levo desta experiencia. Estou felicísimo coa cuantía económica que recibín porque podo adicala a unha actividade tan poética como pagar o alugueiro. Mais para min as palabras do xurado significan moito porque desde que empecei a escribir poesía con 16 anos tratábase dun exercicio íntimo e privado, sen máis lexitimidade ca o valor que eu mesmo lle infundía. A verdade é que a poesía é unha arte de resistencia, hai máis escritores ca lectores, polo que comprobar que no meu traballo había unha valía máis alá da que eu lle daba é moi gratificante.

Como influíu na túa maneira de ver o mundo o feito de ter nacido nun lugar como O Saviñao?

Esa é unha cousa que me levo preguntando moito tempo. Ultimamente están agromando moitos autores que falan dende dunha perspectiva neo-rural, como María Sánchez. Son persoas que reivindican o rural dunha forma moi honrada, sen prexuízos nin bucolismo; e admíroas moitísimo. Eu creo que se tivese nacido nunha cidade tería visto isto como algo atractivo pero alonxado de min. Actualmente estou estudando en Madrid, pero este segue a ser o meu espazo predilecto. O ambiente desta zona ten algo de místico e profundo que forma parte intrínseca da poesía.

Que autores tomas como os teus referentes á hora de escribir?

Os meus autores favoritos e nos que me fixo son eses que, na miña opinión, ven na poesía unha descuberta e tratan de buscar unha linguaxe especial; aínda que non sei ata que punto iso podería ser considerado elitismo cultural. Estoume a referir a persoeiros como Herberto Hélder ou Fernando Pessoa. Tamén son moi fan da estética kitsch e orientalista de Rubén Darío. Dentro da literatura galega diría que os escritores nos que máis teño reparado son Méndez Ferrín, Manuel Antonio e Álvaro Cunqueiro.

Como valoras a relación actual da mocidade coa poesía?

É unha relación moi especial. Coma todas as relacións que merecen a pena, teñen momentos bos e malos. Mais depende da amplitude da túa mira, é dicir, depende de canto queiras pechar o significado de poesía. Para min poesía é un concepto amplísimo. Canto máis o delimites máis posibidades de fracaso tes. Os millennials non son conscientes do que é esta arte. Se te refires a Bécquer e ás típicas seleccións de textos, está claro que viven desconectados dela. Por sorte, vai máis alá: está na rúa, na expresión falada, nas letras das cancións… mesmo nos graffitis. E deste xeito a xente vai asimilando o pensamento poético. Por exemplo, cando alguén se marabilla coa visión dunha fogueira no San Xoán, estaa mirando con ollos de poesía.

Tes en mente realizar outras creacións a medio prazo?

Esa tarefa xa está empezada. Escribín Índice en castelán porque case todos os certames de poesía están neste idioma, a situación dos galegos é desigual e existían outras limitacións importantes. Agora que xa teño un recoñecemento no ámbito castelán máis que suficiente, comecei un novo poemario no noso idioma.

ÚLTIMAS

Campionato de España de Taekwondo, o 4 de maio no Pavillón da Pinguela de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo técnico de Deportes do Concello,...

Bóveda construirá un miradoiro astronómico na Serra de Penas

O obxecto desta intervención consiste na creación dun miradoiro específico e especializado para observar...

Detido por tenencia e distribución de pornografía infantil despois dunha denuncia na Comisaría de Monforte

As xestións practicadas por parte da Comisaría de Monforte de Lemos arroxaron que o...

CSIF Lugo pide ao concello de Monforte que cumpra a lei e recoñeza aos seus traballadores os dous días de asuntos propios pendentes do...

CSIF lembra que o concello está obrigado a recoñecer este dereito dos seus empregados...