InicioCulturaA figura de Prisciliano: un disidente nas raíces de Gallaecia

A figura de Prisciliano: un disidente nas raíces de Gallaecia

O venres 19 de xullo terá lugar en Quiroga a presentación do libro "Prisciliano. Vida y muerte de un disidente en el amanecer del Imperio Romano", do historiador e arqueólogo asturiano Diego Piay.

Publicado o

- Advertisement -

A Asociación Cultural “Souto do Val” organiza o venres 19 de xullo a presentación do libro Prisciliano. Vida y muerte de un disidente en el amanecer del Imperio Romano. O evento terá lugar na Casa da Cultura de Quiroga ás 20:30 e nel intervirá o autor, Diego Piay Augusto. Estará acompañado por Xosé Estévez, historiador e profesor emérito da Universidade de Deusto.

Sobre a enigmática figura de Prisciliano e a corrente que este creou aínda existen moitas dúbidas. Diego Piay é profesor de Historia Antiga na Universidade de Oviedo e unha das súas liñas de investigación é precisamente o priscilianismo e a arqueoloxía cristiá. Falamos con el para coñecer máis de preto esta figura histórica.

Pódenos falar un pouco máis polo miúdo de que tema trata o libro que vai presentar en Quiroga?

Este libro é unha biografía histórica sobre Prisciliano de Ávila, unha figura fundamental para coñecer a Historia Romana de Occidente do século IV D.C. Trátase dunha figura bastante coñecida non só en Galicia, senón en toda Europa, pero nesta comunidade é máis sinalada porque hai quen a vincula coa tumba do Apóstol Santiago.

Que diferencia este libro da literatura que xa existía sobre Prisciliano?

O certo é que xa existían moitas obras sobre el, pero eran principalmente artigos que trataban aspectos moi cocnretos da súa vida ou monografías sobre Historia Antiga nas que aparecía mencionado. Iso é o que diferencia o meu libro, que se centra na vida de Prisciliano dende o seu nacemento ata máis alá da súa morte, xa que se segue falando del tres século despois de que falecese. Para facelo baseeime en fontes escritas, topinimia e outros datos que puiden obter a partir das miñas investigacións, que comecei no 2002. Tento ofrecer sempre unha mirada obxectiva, sempre de acordo coas fontes, porque a miña idea é que cada lector cree unha idea propia sobre quen foi Prisciliano. Eu non lle poño máis epítetos ca o de “disidente”, porque non hai dúbida de que o foi. A partir de aí cada quen pode decidir quen cre que foi este home.

A influencia do priscilianismo en Galicia perdura ata hoxe?

É unha boa pregunta, mais complicada. É difícil sabelo porque xa existiron moitas interpretacións da mensaxe de Prisciliano na súa época. Si que se pode dicir que as doutrinas de Prisciliano perduraron en determinados núcleos poboacionais e puideron mesturarse con crenzas posteriores. Pódense ver trazas do que el representou en correntes que van en contra do cristianismo máis dogmático e ortodoxo e que pretenden volver a unha relixión menos xerarquizada e menos dependente do poder e o diñeiro. Con todo, é moi difícil precisar a súa influencia real.

Como naceu o seu interese por este tema?

O meu interese nace cando estaba a estudar a carreira de Historia en Santiago de Compostela. Dende moi cedo comecei a interesarme polos movementos relixiosos e o cristianismo primitivos. Cando tiven que escoller un tema para facer a tese de doutoramento, decanteime pola figura de Prisciliano. Resultábame curioso que, sendo un persoeiro tan vinculado a Gallaecia, algúns autores extranxeiros consideran que non podía ser galego. Defenden que unha persoa culta, rica e cunha educación plenamente romana non podía ter nado nunha área supostamente pouco romanizada e na que non había moito máis ca castros. Por contradicións coma esa decidín indagar máis neste asunto e co tempo xurdiu en min a idea de encher ese baleiro e ver quen era Prisciliano. Parecía moi complexo pero, finalmente, cos datos que se teñen si que foi posible configurar unha biografía.

ÚLTIMAS

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...

70.000€ para a drenaxe da vía LU-P-5702 ao seu paso polo Rego de Monelo, en Sarria

As obras executaranse á altura do Rego de Monelo, en San Vicente de Froián,...