Unha nova edición do Filandón do Courel encherá de música a Ferrería de Seoane

Cantores, brindeiros, coplas de cego, poetas, gaiteiros, e diferentes músicos chegados desde todos os puntos da xeografía galega e española participarán nunha nova edición dun evento que comezou en 1998.

Presentación do Filandón do Courel / Xunta de Galicia

Este domingo día 4 de agosto terá lugar a edición número 22 do Filandón de Músicas do Courel na Ferrería de Seoane, no concello de Folgoso do Courel. Este encontro, que se vén celebrando dende 1998, ten como filosofía a de promocionar e recuperar as vellas músicas da montaña lucense e está promovido pola asociación de Amigos do Filandón. Actualmente este evento está declarado como cita de interese turístico galego.

A música comezará ás 17:30 con diversos cantores, brindeiros, poetas, gaiteiros e, en definitiva, músicos chegados de todos os puntos de Galicia e incluso doutras comunidades autónomas. Este é o caso da agrupación A Cova da Serpe, chegados dende Barcelona. Como novidade nesta edición, a cantante do Incio Lucía Pérez será a encargada de pechar o certame. Ademais, nomearase como primeira raíña do Filandón a María Balboa Santín, que cada ano se achega dende Quintela d’Oencia, León, para colaborar con esta festa. O momento máis emotivo do Filandón chegará coa homenaxe á cantareira Rosario García, recentemente falecida.

Durante a tarde tamén terán outras actividades, como a presentación do disco “Romances Novos e Vellos” de Marcos Foxo e do “Cancioneiro da Seitura de Manzaneda de Terras de Trives”. Os asistentes tamén terán a oportunidade de participar nun xantar tradicional baseado no freixó e poderán desfrutar de diversas exposicións bibliográficas, discográficas e de instrumentos tradicionais.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here