“As Cores de Outono” adiántase este ano ao 14 de setembro

O Festival de música folk que se vén celebrando dende hai seis anos na Pobra do Brollón terá como cabeza de cartel ao grupo Milladoiro.

Presentación do cartel na área recreativa de Samugueiros / XdL

A presentación oficial do certame tivo lugar esta mañá na área recreativa de Samugueiros, lugar onde se desenvolverá o festival, un referente xa da música folk e tradicional en Galicia para darlle a benvida ao outono.

No acto estiveron presentes o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, o concelleiro de Cultura, Ricardo Rodicio, Efrén Castro, deputado provincial polo BNG e a concelleira local Xosefa Rodríguez.

Os representantes públicos termando do cartel. Foto: Prensa Pobra do Brollón

Este ano será o sábado 14 de setembro, adiantándose deste xeito ao comezo oficial da estación do outono pero data na que, como dixo a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, “as cores de outono a estarán presentes“. O concelleiro de Cultura do Concello, Ricardo Rodicio, a pregunta de Xornal de Lemos polos motivos dese adianto, contestou que decidiuse adiantala este ano porque os seguintes sábados de setembro coinciden coa celebración do San Mateo en Monforte e outras festas de parroquias da contorna.

Arredor das 11:00 h. presentábase o cartel do que será a sexta edición do evento, termando del cada un dos representantes públicos devanditos, momento no que Maite Ferreiro e Xosé Lois Maceda atenderon de forma individualizada aos medios. “Estes seis anos demostran que é un festival consolidado, cun número de persoas seguidoras que cada ano acoden a este espazo natural tan marabilloso a desfrutar duns concertos que representan a nosa cultura e idioma”, declarou a vicepresidenta Maite Ferreiro. Pola súa banda, Maceda incidiu en que “este festival é un referente non só na provincia de Lugo senón tamén en Galicia…”.

Milladoiro, cabeza de cartel nesta edición

O festival celebrarase o 14 de setembro e arrincará ás 19:30 h. cun espectáculo familiar, “Concerto singular“. Trátase dunha comedia musical e xestual da compañía Píscore.

A partir das 21:00 h. comezarán os concertos coa intervención de Magín Blanco, Bouba Pandeireteiras -grupo que representou a Galicia este ano no Festival Interceltique de Lorient- e Milladoiro. O fío condutor na presentación correrá a cargo do coñecido actor e narrador galego, Avelino González.

Ricardo Rodicio amósanos a imaxe gráfica do festival deste ano / XdL

O festival está promovido polo Concello da Pobra do Brollón coa colaboración da Deputación de Lugo a través do Plan Único de cooperación cos concellos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here