InicioCulturaCastaña, o alimento ancestral

Castaña, o alimento ancestral

A castaña quitoulle moita fame aos pobres do país, e inzouno de castiñeiros frondosos, as casas de caniceiras, os oleiros furaron os seus dedos no barro para fabricar fermosas castañeiras, e mesmo cremos que nun bulló se agocha a ánima dun noso defuntiño que se libera e marcha ao alén cando a castaña estoupa no lume. Que o ourizo é o corpo e a castaña é a alma, Olga Novo no pregón da Feira de artesanía.

Publicado o

- Advertisement -

Este domingo, 1 de setembro, o Incio celebrou a súa XI Feira de Artesanía e Etnografía, encontro que busca recuperar os oficios tradicionais e, que nesta ocasión, tiña como protagonista a castaña, un dos produtos autóctonos máis relevantes da contorna.

A cita contou cunha mesa redonda sobre a explotación dos soutos abandonados para incentivar a súa recuperación como fonte de recursos económicos; houbo degustación de varias receitas de caldo de castañas, concurso de repostería a base de castaña, e un concurso de baile. Non faltou a música e a demostración artesán de torno de madeira.

A encargada de dar o pregón foi a escritora da Pobra do Brollón, Olga Novo, quen definiu a cita máis como Feira da Memoria, “Non hai moito lin que a diferenza entre a Historia e a Memoria é que a primeira -a Historia- ten moitas obrigas e está dominada pola ideoloxía e o poder, pero a segunda -a Memoria- só asenta e só procede das Emocións.

Por iso sei que só das emocións naceu esta Feira, porque nela quixo e quere revivirse e honrar a traza de memoria que nos quedou no sangue daqueles traxes de liño, daquelas sabas rústicas de lenzo e estopa, dos candís de ferro e folla de lata, da madeira dos angazos cos que peiteamos a herba, da música das festas baixo pequenas bombillas de corenta vatios.

Esa traza de memoria que aínda se arrequenta nos círculos da mente iguais ás arandelas da cociña económica, e se agarra ao pensamento coma nunha gramalleira da que penduran os soños enriba mesmo da lareira.

Esta Terra Brava quixo traer ao presente o seu pasado, que é o de todos nós, coma se por un día unha extraordinaria máquina do tempo nos permitise acariñar os nosos pais, avós e trasavós nos seus labores cotiáns, na súa infancia atrás de vacas, ovellas e añiños, cunha aguillada intemporal, pasando frío e sono e fame. Dese frío, dese sono e desa fame vimos. E quizais por iso esta Feira de hoxe é unha das máis especiais, porque nela se celebra o alimento ancestral que lle deu de comer á nosa xentiña humilde.

Mentres os señores, caciques e usureiros se fartaban no Casino con chocolate e outras dozuras, os meus, os vosos antepasados… á mañá caldo de castañas, ao xentar castañas con leite ou cun ovo e se cadra cun picón case invisible de touciño, e á noite castañas asadas. E con barriguiña farta ou non, non os agardaba a escola ou o xogo, non, agardábaos a bouza, a sacha, a vendima, a seitura, a malla. Con barriguiña farta ou non, porque anque a Historia nos minta, a Memoria non. E a emoción tampouco.

A castaña quitoulle moita fame aos pobres do país, e inzouno de castiñeiros frondosos, as casas de caniceiras, os oleiros furaron os seus dedos no barro para fabricar fermosas castañeiras, e mesmo cremos que nun bulló se agocha a ánima dun noso defuntiño que se libera e marcha ao alén cando a castaña estoupa no lume. Que o ourizo é o corpo e a castaña é a alma.

Na castaña cotiá ciframos o soño, as crenzas, o amor e a festa, de xeito que naceron os magostos como celebración da vida arredor do alimento base, e o círculo da perfección debuxouse nas paredes das ouriceiras que deron nome á Asociación de Veciños do Incio. O Incio, un lugar extraordinario que non sufriu os estragos da filoxera que acabou cos castiñeiros doutras terras veciñas, coma as miñas de Brollón.

Alí, no meu pequeno e infinito lugar de Vilarmao había, cando eu era nena, un souto íntimo e fermoso, chamado Val de Muller. Sempre me preguntei a que ancestral muller anónima lle pertencera aquel paraíso de castiñeiros centenarios. En soidade ía eu por aquel carreiro e metíame nas caracochas daquelas árbores que parecían feitas para acoller a unha nena soñadora. E alí, metida no seu tronco, escribín durante anos, en pequenos cadernos, a miña memoria familiar coma se fora un inmenso bosque de cromosomas.

Na nosa casa vella aínda existe un cuarto chamado a caniceira. E sei que tivemos un castiñeiro plantado na terra doutros veciños. E o froito do ar pertencíanos a nós, o da terra a eles. Sei que a miña tía gardaba unha enorme castaña de indias coma quen posúe un tesouro que libra do mal.

Defustación Feira artesanía Incio / Concello do Incio

E sei tamén que a miña tatarova materna perdeu a vida por mor dunhas castañas que flotaban na auga do río Saá. Houbera vendaval á noite e a Carmen ergueuse de mañá cedo para apañar as castañas que caeran das árbores do seu soutelo. Apañou algunhas e achegou cunha varanca as que inda aboiaban na auga do río. Entón, apareceu alí unha veciña e acusouna de lle roubar as castañas do seu souto que estaba pegado ao noso.

-Non Rosa non, nada che roubei, estas que levo no cesto son nosas. E as do río, de ninguén son.

Mais a Rosa malencarada insistiu e chamoulle ladroa. A miña antepasada, unha muller enferma do corazón, contendo as bágoas e os nervios, dixo: Que caia eiquí morta agora mesmo se che roubei as castañas. E alí caeu, mortiña, por mor dun cesto de castañas que lle ían quitar a fame aos seus fillos.

Sabido é que a castaña foi para os galegos e galegas alimento base antes da chegada da pataca de América, e por iso, en moitos lugares se coñeceu a pataca como “castaña da terra”. Porque no novo froito viña oculta a memoria do antigo. Así acontece coas persoas, xeración tras xeración, e por iso cada un de nós temos  unha ancestral historia persoal á sombra dun castiñeiro. Sen esa memoria transferida do pasado ao futuro nada somos.

Miro para os inmensos soutos do Val do Incio e de Trascastro e San Miguel, de Rendar ao Val do Mao, Dompiñor, Hospital e Goo, miro para eles, para vós, e miro os ollos da miña filla, e neles vexo con toda nitidez a longa liña do pasado combando o lombo para apañar castañas nos soutos de Outeiro, alí onde un día foi feliz a súa avoa, de neniña, comendo uns bullós quentiños na casa do Manso. E entón sei que todo aquilo vive en nós, tan só, ou sobre todo, porque o amamos.

Saúde, meus amigos. Saúde e boa Feira!”

Mesa redonda / Concello do Incio

ÚLTIMAS

Últimos días para coñecer a exposición Entroido “Mobiliario Vestido”, na casa da cultura de Chantada

A casa da cultura do Concello de Chantada acolle ata o 30 deste mes...

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...