O colectivo ‘Lemos Le’ prepara o seu día grande

Será o vindeiro 26 de outubro, día no que celebran o Día da Biblioteca cunha cea, a entrega de premios do VI Certame Mulleres de Lemos, a presentación da vindeira edición e un recital musical a cargo da cantante de fados Eugenia Sanmartín. Falamos con Javier González, técnico de cultura do Concello de Pantón e membro deste colectivo.

Reitoral de Castillón, lugar de celebración. Foto: R.C.

Lemos Le naceu no ano 2012, a partir dunha reunión de bibliotecarios/as convocada pola biblioteca do CEIP A Gándara co gallo do Día Internacional da Biblioteca. A idea era buscar fórmulas de colaboración e coordinación entre profesores/as e bibliotecarios/as co obxectivo de activar unha rede de bibliotecas da comarca e crear un grupo de traballo para fomentar a lectura e realizar un labor divulgativo na Comarca de Lemos.

O colectivo está formado por bibliotecas escolares e bibliotecas públicas municipais da comarca e a Asociación de Libreiros de Monforte. Dende a súa creación teñen unha actividade moi dinámica, a comunicación entre os membros é fluída e manteñen reunións periódicas para o bo funcionamento do grupo. Unha das actividades máis importantes que organizan é o Certame de Divulgación Mulleres de Lemos, faise para conmemorar o Día da Muller que se celebra o 8 de marzo e a finalidade do mesmo é dar a coñecer e promover figuras femininas relevantes na historia das Terras de Lemos.

O certame, que este ano chegou á súa VI edición, ademais do valor divulgativo ten un compoñente participativo moi importante; a partir da elaboración dun conto sobre a figura feminina que se pretende dar a coñecer, rapaces de secundaria e bacharelato elaboran un traballo artístico en banda deseñada dun anaco do mesmo. Os debuxos dos rapaces e rapazas de cada un dos centros escolares poderá obter premio e ilustrará o libro que se edite a finais deste ano ou a principios do seguinte. O mesmo certame tamén premia traballos de divulgación sobre a figura protagonista, pero neste caso a participación está aberta a maiores de 18 anos.

Chegada a data do 24 de outubro, Día da Biblioteca, ‘Lemos Le’ conmemora a mesma cun gran acto de xuntanza dos seus membros e a entrega de premios do devandito certame. Ese día será o vindeiro 26, no Concello de Pantón. Falamos con Javier González, técnico de Cultura deste concello, membro do colectivo e organizador do encontro deste ano.

Dende cando está a Biblioteca de Pantón en ‘Lemos Le’?

Dende o ano 2017.

Tocouche rápido a responsabilidade de organizar actividades do grupo?

Si. A organización é rotativa e este ano tocounos desde Pantón buscar a figura feminina para divulgar no Certame Mulleres de Lemos e tamén organizar o evento conmemorativo do Día da Biblioteca.

Que me contas da elección de Inés Fernández como figura feminina a divulgar este ano?

Tiñamos varias opcións e ao final decantámonos por Inés Fernández, Abadesa de Eiré, unha muller loitadora que incluso se enfrontou a normas impostas polos Reis Católicos. Daquela, no século XV, as abadesas tiñan bastante poder e os Reis Católicos querían suprimir as comunidades que se formaron nos mosteiros rurais. Para iso recluíron en Santiago, no convento feminino de San Paio de Antealtares, a moitas abadesas e monxas que vivían en conventos como o de Eiré. Inés era díscola, non aceptaba esa decisión e escapou ata en dúas ocasións. Ao final, tras acordo cos reis permitíronlle quedar no Convento a cambio de non permitir novas vocacións.

Cres que a Lemos Le está cumprindo os obxectivos marcados na súa fundación?

Coido que si. Estase a fomentar a lectura e dende que estou vexo que hai unha capacidade de traballo e implicación grande de todos os membros so colectivo.

É fluída a comunicación entre vós?

É moi boa. Ao longo do ano facemos moitas actividades, facemos circular información entre nós e tamén temos reunións periódicas.

Pódese dicir que estades diante da semana máis activa do ano?

A ver. Eu diría que a “semana máis visible” pero non a máis activa. Facemos cousas todo o ano, o que pasa é que esta por celebrarse o Día da Biblioteca vésenos máis, xuntámonos todos/as, entregamos os premios do certame…

Que atrancos atopas en Pantón para que se achegue máis xente á biblioteca?

En Pantón supoño que temos o mesmo ou parecido problema que no resto de bibliotecas. Non axuda a diminución da poboación infantil, as novas tecnoloxías, a falta de hábito lector nas casas…

As novas tecnoloxías, ese gran enimigo, non?

Si, penso que si. Con tantos medios para ter información e ao alcance da man podes ler cando queres e dende onde queres co cal o papel da biblioteca vese afectado. Eu persoalmente penso que “o contacto co papel non se debería perder nunca”.

Que perfil de lector fidelizado se atopa hoxe nunha biblioteca?

Diríache que unha persoa curiosa, que quere buscar e deixarse aconsellar. Aquí tamén é importante a figura do bibliotecario/a que entende, ten coñecementos e sabe recomendar.

Para rematar, cóntanos logo como será a xuntanza do 26 de outubro.

Ese día celebramos xuntos o Dia da Biblioteca cunha cea na Reitoral de Castillón e aproveitaremos para entregar os premios do VI Certame Mulleres de Lemos dedicado a Inés Fernández, Abadesa de Eiré. Entregaremos os premios aos rapaces e rapazas creadores/as das mellores bandas deseñadas e á gañadora do Premio Divulgación Mulleres de Lemos, a cantante de fados ferrolá Eugenia Sanmartín, artista que actuará no trasncurso do acto. Tamén presentaremos a vindeira edición do certame e un marcapáxinas con texto de Flora Enríquez sobre temas de Pantón e dedicado á antiga bibliotecaria Milagros Pardo.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here