InicioCulturaCousas de meigas, demos e malos espíritos

Cousas de meigas, demos e malos espíritos

O Colectivo Segredos de Pantón destaca pola súa inquedanza relacionada co patrimonio cultural, natural e sociolóxico da contorna. Falamos con Lucas Vázquez, un dos membros máis activos que vén de facer unha escolma sobre estes seres propios da superstición galega.

Publicado o

- Advertisement -

O mes de novembro, tamén coñecido como o “mes de Santos” ou “mes dos mortos”, ten deixado moita pegada na cultura e na oralidade popular galega.

O caso é que a celebración de Santos inspirou a Lucas Vazquez, do colectivo Segredos de Pantón, para redactar unha breve escolma de anotacións sobre meigas, demos e Santa Compaña incorporando tamén acontecidos arredor destes seres mitolóxicos galegos.

Segundo nos comenta Vázquez, todo partiu da lectura do artigo “A crenza nas bruxas nunha comunidade rural galega: aldeas do concello de Pantón”, da autora Pilar Rodríguez Blanco, e do libro “Lendas e Tradicións da Ribeira Sacra: Vilar de Ortelle-Pantón”, da Asociación Xuvenil Estraloxos. Tras documentarse con estas dúas obras, e contrastar información con familiares e veciños/as de Pantón, decidiu elaborar un pequeno artigo sobre o tema, sempre tomando como referencia xeográfica ao Concello de Pantón.

A escolma non busca ser nada pretencioso e aos autores das obras anteriores pareceulles ben a idea, tendo ademais a intención de que a xente que teña acceso a este artigo poida contrastar e aportar tamén máis información. A continuación reproducimos o escrito.

Meigas máis famosas e lugares de reunión

Pepa da Xila, a Cosma, a tía Marica, a Perfeita, a Sra. Anxelita, a Sra. Pepa Cesteira, a Facunda, a Brigória, a Feliciana, a Perfeita e a Pilar do Cubreiro.

-Monte da Escrita, entre as parroquias de Moreda, Toldaos e Pantón.

-Següín.

-Trasulfe, na parroquia de Santalla de Tuiriz.

-Fontao na parroquia de San Martiño de Tribás. Aquí estas meigas nunha reunión foron quen de mover, segundo contan, a un home que estaba nun fiandeiro a 4 quilómetros de distancia.

-No lugar dos Cancelos, na parroquia de Vilar de Ortelle.

– A Grixoá, aínda que este lugar estea en Carballedo, na parroquia de Santo Estevo de Chouzán, na ribeira oposta de Marce, numerosas historias de pantoneses afirman que foi un lugar moi soado de reunión de meigas da contorna.

Lugares de meigas

Santa María de Tuiriz

Alí hai uns anos unha parella de irmáns dirixíanse camiñando cara a súa casa nun dos barrios que forman a aldea. Era tarde baixa, cando de súpeto viron unha luz vermella que os acompañaba sobrevoando arredor deles. Pareceulles unha luz moi estraña, posto que a medida que eles camiñaban a luz facíao tamén, non os abandonaba. A irmá díxolle ao irmán “é unha bruxa! non lle asubíes que non nos vai deixar!”. Pero, ante a curiosidade, asubiou, e a luz comezou a moverse máis rápido e a baterlles na cara a ambos. Comezaron a andar máis rápido tratando de chegar o antes posible á súa casa. Cando chegaron, entraron e a luz abandonounos. Tiveron medo, pero nunca máis voltaron ver esa luz.

Goián

Os habitantes da aldea do Piñeiro de San Vicente de Castillón sempre afirmaron que houbera meigas en Goián.

Rechelo

Nesta aldea dicíase que tiñan algunha relación coas meigas. Así, había unha que sobre todo facía volver tolos aos animais. Mesmo neste lugar unha señora dicía sobre as meigas, “grandes pecados teñen que ter esas bruxas!”.

A Míllara

Nela vivía unha meiga que viñera de Vilaquinte en Carballedo.

Toldaos

Lugar con sona polas súas meigas. Así cóntase a historia de dous homes que ao tirarlle pedras ao cadelo dunha das meigas deste lugar andiveron deambulando polos camiños toda a noite sen saber por onde tiñan que ir. Tamén contaban como tiñan que atar unha vaca que se volvía tola cando por diante da casa pasaba unha veciña de Toldaos con fama de bruxa. Ao animal poñíanselle os pelos do lombo de punta e tiñan que atala para que non se matara a golpes coas paredes.

Visións do demo e da Santa Compaña

En Marce contan que entre a casa do Conde e a do Vila, foi visto varias veces coma un cura vestido de branco e quen afirmaba velo dicían que era o mesmo demo.

En Balboa, no lugar da Avespeira, un señor antes de alumar o día aparecéuselle un home de sombreiro, moi ben portado e díxolle: “anda de día, que a noite é miña”. E cada vez ía medrando máis o señor do sombreiro.

Na parroquia de Toldaos foi famosa a pantasma dunha anciá vestida toda de negro, coma se dunha sombra se tratara, non se lle vía nin cara nin as mans, tiña sempre colgada do seu brazo unha cesta. Era tan sinistra a súa visión, nas escuras noites de Toldaos, que todo o que con ela se topara corría sen parar.

En Santa María de Tuiriz viña un veciño de Sta. María de Tuiriz camiñando cara a súa casa en plena noite. Viña metido nos seus pensamentos, sen luz polo carreiro que o levaba ata o seu fogar. Cando de súpeto, comezou a ver unha luz branca que se dirixía cara el; a medida que avanzaba, esa luz tamén o facía, e pronto se podía insinuar que con ela camiñaba xente. O home estaba sorprendido, que era aquilo? quen era aquela xente?. Cando chegaron á súa altura, apartouse cara unha beira do carreiro para deixalos pasar. Non o saudaban, non falaban, ían todos vestidos de branco con paso lento pero firme, sen pausa. Unha vez pasaron ao seu carón, o veciño apurou o paso cara a súa casa. Entrou pola porta e estaba súa muller, ela comentoulle: “ que che pasou, estás pálido e traes o traxe cheo de cinsa!”. El respondeu: “acabo de ver á Santa Compaña”.

Outros sucedidos

Pozo da Inquisición

No patio do priorato bieito de San Romao de Moreda cóntase que nos tempos da Santa Inquisición tiraban neste pozo a tódalas meigas que eran condenadas.

Casa de Valboa

Nunha modesta casa desta aldea de Vilar de Ortelle dicíase que estaba encantada e que era cousa de bruxas. De noite as ventás e fiestras non paraban de abrirse e pecharse. Un día un sancristán moi relixioso tentou poñerlle remedio, e cada vez que rezaba paraba a música infernal pero ao parar volvía comezar.

O “Torres de Eiré”

Nesta parroquia vivía un menciñeiro, o Torres, que curaba persoas e animais sen ser nin médico nin veterinario curando moitas veces casos outorgados ás meigas ou ao escuro.

Capela de Guende

Acoden ata alí xentes de moi lonxe para cumprir as ofertas e beber auga da fonte, boa para as doenzas ocasionadas pola fada dos malos espíritos.

Figueira do Castelo

Este lugar tiña unha relación co mundo escuro, ningún paxaro nin animal comía as súas brebas que saían negras coma o demo. Así contaban a historia dun rapaz que andivo a molestar ás bruxas e estas levárono ata alí. E dicían que era o lugar máis desgraciado do mundo.

ÚLTIMAS

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....