InicioCultura"Traballar con idades distintas nun mesmo obxectivo é moi produtivo e creativo",...

“Traballar con idades distintas nun mesmo obxectivo é moi produtivo e creativo”, Paulino Cadórniga, realizador

"Transmitir ese pouquiño que sabes e, sempre algo quedará aí. Cando vexan unha película entenderán por que ocorre isto, ou se fai isto… terán unha visión distinta, máis global. En todo caso serviralles, úseno para o que o usen, porque unha rodaxe é experiencia", Paulino Cadórniga.

Publicado o

- Advertisement -

Héctor4 é o título da curta que realizaron os rapaces de Sober nun taller audiovisual que desenvolveron este verán. O traballo presentábase o pasado día 27 na casa da cultura do concello de Sober con grande éxito de público.

O taller era resultado dun taller previo celebrado non concello a través do GDR Ribeira Sacra Courel, dentro da iniciativa de Némesis Audiovisual, Un Universo de Cine no teu Concello. Conversamos co realizador e un dos responsables do taller, Paulino Cadórniga.

Que é Hector4?

Héctor4 é unha curtametraxe de ficción que sae do taller audiovisual, que se realiza con mozos e mozas de Sober despois de que un grupo de rapaces quedaran encantados dunha primeira experiencia no documental o ano pasado. O concello decide seguir con este tipo de proposta de actividade cultural neste verán e así se fixo, orientada á ficción.

Presentación Héctor4 / XdL

Que perfil tiñan os participantes?

Era un perfil bastante heroxéneo, había mozos e mozas de 14 – 15 anos e varios de 20 e pico. Tivemos un actor de 8 anos, Héctor, de pequeno. Esa variedade tamén axudou a crear unha historia que permitise meter todo ese tipo de xente tan distinta no guión e iso fixo que se xerase unha idea bastante rica.

Houbo unha chea de ideas previas para o guión, todas moi boas, todas creadas polos mozos e que son ideas que se poderían realizar no futuro como rodaxes de curtametraxes. A variedade de idades traballando en conxunto foi moi produtiva, desde os 13-14 ata case os 30 creo, e tiñamos a Darío con 8. E nós na década dos 40. Esa variedade traballando é moi creativa.

Taller Un Universo de Cine no teu Concello / AB

Como se desenvolveu o taller, en que consistiu?

A idea é que os propios participantes sexan capaces de sacar adiante, coa axuda dos monitores de Némesis todos o proceso de produción e rodaxe dunha curtametraxe. Que eles participen de todas as actividades que xera unha rodaxe, desde a idea orixinal, a escrita do guión, a produción,… Que na rodaxe poidan achegarse a todos os equipos, aínda que o tempo é pouco. Todos tocan son, a cámara, póñense diante dela,… tamén se tentou ter unha última xornada de montaxe para que visen como se encaixaban as pezas e un avance do que podería ser o resultado final.

Era necesaria experiencia previa para participar?

Ningunha, de feito nos perfís deste ano había xente estudando sobre isto, había afeccionados e nenos do taller do ano pasado, que gozaron unha chea e querían repetir. Diso tamén se trata, de ir creando canteira no sector audiovisual na Ribeira Sacra. Tamén hai xente que vén por facer algo diferente, unha actividade divertida e entretida no verán. Non fai falta experiencia, simplemente interese en formar parte dunha idea que se lles propón como alternativa de lecer. Esperamos que destes mozos saia alguén que se dedique ao sector audiovisual.

Taller Un Universo de Cine no teu Concello / AB

Para tí como profesional que significan actividades como esta?

Gústanme moito porque me gusta traballar cos máis novos, gústame sentir que se cadra se está plantando unha semente aí, e dálle sentido a todo o que fuches aprendendo ao longo da túa vida profesional. Transmitir ese pouquiño que sabes. E sempre algo quedará aí. Cando vexan unha película entenderán por que ocorre isto, ou se fai isto… terán unha visión distinta, máis global. En todo caso serviralles úseno para o que o usen, porque unha rodaxe é unha experiencia.

Que nos podemos contar do argumento de Héctor4 e como a podemos ver?

Héctor4 conta a historia dunha parella nova que vén pasar uns días de turismo na Ribeira Sacra, tendo como base Sober. Veñen pasar uns días pola zona e un deles, o mozo, manifesta por primeira vez varias personalidades.

Tamén se aproveita para mostrar localizacións de carácter turístico, para que tamén sirva de promoción, mesmo se mete algunha chiscadela no guión ao viño da D.O. Ribeira Sacra. Non digo máis. Poderase ver en Facebook co comezo do novo ano.

Cartel Héctor4

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...