A música tradicional ten asegurada a súa continuidade en Xograres de Lemos

Nos cinco anos de vida que ten esta asociación monfortina xa conta con máis de 100 integrantes, 60 pertencen ó grupo tradicional, o resto forman parte da banda de acordeón e das disciplinas de gaita, canto e pandeireta.

Grupo Tradicional Xograres de Lemos/Xograres de Lemos

Corría o ano 2013 cando un grupo de veciños de Monforte con inquedanzas pola música tradicional, encabezadas por Bea Vázquez, decidiron xuntarse para darlle á musicalidade galega un xiro e así poder mostrarlle ó público que a muiñeira, gaitas e pandeireta poden soar de xeito diferente ó que estamos acostumados.

Con esta perspectiva e planificación naceu a Asociación Xograres de Lemos. Rapidamente o seu éxito comezou a facerse ver. E é que a innovación non ten porque implicar renuncia á tradición. Pouco a pouco os integrantes da asociación foron medrando e as disciplinas impartidas ampliándose.

A asociación está formada por máis de 100 integrantes dos cales, 60 pertencen ó grupo tradicional de Xograres de Lemos, 25 á banda de acordeón e outros tantos ás disciplinas de gaita, canto e pandeireta.

Agrupación de pandereiteiras de Xograres de Lemos/Xograres de Lemos

Bea Vázquez, impulsora do proxecto, manifesta que: “somos unha asociación sen ánimo de lucro. Os integrantes pagan unha couta mensual moi baixa para facer fronte ós gastos de profesorado, de comidas e transporte cando nos temos que desprazar. Por outra banda, aínda que grabamos discos, nós adiantamos os cartos e logo vendémolos para recuperar o investimento e deste xeito ter un bonito recordo. Con isto non pretendemos beneficiarnos, so deixar constancia do traballo feito todas as semanas”.

Por outra banda, esta asociación tamén destaca pola ampla franxa de idade que abrangue ós seus integrantes. Bea, especialista en musicoterapia destaca que: “temos nenos dende os cero anos para que vaian interiorizando o ritmo ata personas de máis de 80 anos. Aquí a idade non importa. Se che gusta a música e desfrutas con ela, es benvido”.

En 5 anos que levan facendo soar os instrumentos e as súas voces, cada día teñen máis éxito alá onde van. A medida que o éxito medraba, tamén o facía o seu reportorio e variación de estilos musicais. Xa saben o que é cruzar a Península para actuar ou formar parte do Festival Habaneras que leva 19 edicións en Monforte como informou o XdL.

Entre as súas actuacións inmediatas destaca a do 25 de xuño no Edificio Multiusos de Monforte, ás 20:00 horas, onde lle poñeran a nota musical a un novo curso lectivo cargado de traballo e bó facer.

 

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here