Cadela Asasina, “Tentamos que a xente nova se implique coa cultura e a música tradicional”

Cadela Asasina é unha formación de música tradicional galega, que naceu hai 4 anos en Monforte. Intégrana 6 mozos e mozas que están dispostos a non deixar que se perda a tradición das alboradas e a festa asociada á música tradicional no rural.

Cadela Asasina

Cadela Asasina intégrana “David López que toca a gaita, Antonio López e Andrea López que tocan a gaita ou a pandeireta segundo as necesidades; Ana Rodríguez, que toca a pandeireta; Carlos Blanco, que toca o bombo e Daniel Castaño, eu, que toco o tamboril. Ás veces incluimos un violín, con “Mimi”, se facemos actuacións nun sitio pechado ou imos a algún festival.” Falamos co encargado do tamboril, Daniel Castaño

Como nace Cadela Asasina como formación musical?

Somos un grupo de xente nova que despois de tocar en diferentes grupos e coincidir en varias foliadas, nunha xuntanza con Náufragos do Paradiso dannos a idea de xuntarnos e comezar un grupo de música tradicional en Monforte de Lemos. Ao comezo eramos 3 integrantes e tocamos para axudar ao Festival do Paradiso, que foi grazas a eles como comezamos. Tamén en festas de xente coñecida, que confiaba en nós para facerlles a alborada das súas festas parroquiais.

Cadela Asasina

Cadela Asasina, de onde vén o voso nome?

Como moitas decisións do grupo vén de estar nun bar, había présa por ter un nome para o cartel do Festival do Paradiso. Ese día tiñamos un can moi grande, alí á nosa beira e veu de aí. De rirnos, alguén dixo, “que can tan grande que nos vai comer” e saiu de aí e para adiante con el. Dinnos nas aldeas e os familiares que con ese nome non imos a ningún lado, pero aínda que sexa raro este nome queda na memoria da xente.

O nome pode facerse un pouco agresivo?

Como nome dun grupo de música tradicional non ten nada que ver. Parece que pode pegar máis cun grupo punk ou de rock, pero ese nome foi desde o comezo, nunca pensamos en cambialo; aínda que ao comezo tira un pouco para atrás. Despois cando a xente nos ve en vídeos e ven quenes somos e a música que tocamos, despois o nome xa dá igual. O importante é a música e facelo moi ben.

De onde vén a vosa afección pola música?

Dúas persoas vimos do concello de Pantón, comezamos a tocar na escola da Banda O Castro; eu o tamboril, e Andrea a gaita e a percusión. O resto son de Monforte e comezaron na Asociación Folclórica Lemavos, que agora seguimos tocando nela todos os integrantes.

Cadela Asasina

Como levades os ensaios?

Somos todo estudantes, hai xente en Santiago, Ourense, Vigo,… asi que xuntámonos principalmente os venres, antes ou despois do ensaio de Lemavos. Cando hai máis actuacións, tamén usamos as fins de semana, na casa dalgún de nós para mirar as novas cancións que cada ano imos integrando ao repertorio.

Onde estades contentos de actuar? A que tipo de actos vos chaman?

Hai distintos tipos de actuacións segundo a festa. Encántannos os festivais porque hai moita máis xente e xa tocamos cancións coñecidas por todos para que todo o público poida cantar e bailar canda nós. Despois hai actuacións durante o verán que son o que máis estamos tendo, as alboradas nas festas parroquiais. O que máis nos gusta das alboradas é que imos polas aldeas e sae a xente á rúa e bailan e cantan, mentres nós tocamos o pasarrúas.

Notades moitas diferenzas entre público novo dos festivais e a xente máis maior das alboradas?

A diferenza máis grande pode ser o número de cancións que poidan bailar e cantar nas parroquias. As cancións que son por todos coñecidas como poden ser os pasodobles e as muiñeiras, estas cancións tamén nos festivais son as que máis éxito teñen. Despois depende nos horarios que toques ou chegues polas casas. Á hora do vermú, despois da misa, é cando máis participativos son nas parroquias. Aí a xente participa moito nas alboradas.

Como ves o voso sector da música tradicional?

Eu creo que cada vez hai menos grupos de gaita tradicional nesta zona. Agora a xente nova cando se vai estudar fóra deixa de tocar, ao contrario que nós, que seguimos facéndoo. Outros van deixando de tocar e de ir a foliadas. Estamos vendo que na Ribeira Sacra, grupos de gaita tradicional, de 20 ou 25 anos, hai poucos. Os grupos que máis abondan son grupos de xente maior, que ten máis tempo para ensaiar e facer cancións. Aquí, agora, hai poucos grupos de música tradicional.

Iso davos un plus de responsabilidade para non deixalo morrer?

Esa é unha das cousas que nos leva a facelo. Tentar que a xente nos vexa e a xente nova siga implicándose coa cultura e a música tradicional. Poder animar á xuventide a dicir: pois estes rapaces mira que ben o fan e son da miña idade, quero tamén poder tocar e ir a festas como fan eles.

Cadela Asasina

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here