Felipe Castro: “A xente maior recorda un Oso ben diferente, un Oso máis seu”

O Oso de Salcedo, protagonista central do entroido da Pobra do Brollón, fará acto de presenza este luns, 24 de febreiro, a partir das 17:00 h. Centos de persoas alí estarán para presencialo e dar conta despois da experiencia a través das redes sociais. Falamos con Felipe Castro, veciño e investigador local, para coñecer a súa opinión sobre a conservación e a evolución desta tradición.

O Oso de Salcedo en acción. Foto: Carlos Rueda

Como vén sendo costume, e cada vez máis, esta aldea queda pequena para recibir a centos de persoas atraídas pola experiencia, entre curiosidade e medo, de ver de preto ao Oso e de “querer e non querer” acabar marcadas polas súas gadoupas enfeluxadas.

A tradición consiste na saída dun veciño de Salcedo vestido de Oso ao que os criados lle van levando as “vítimas” para que as tizne, e estas tratan de escapar. Está é a premisa de todo o que acontece o luns de entroido pola tarde neste lugar do Concello da Pobra do Brollón. Despois pasa, o que a maioría sabe, o Oso emprégase con máis contundencia cos veciños e veciñas que coñece, que co resto. Aos forasteiros trátaos sempre con maior benevolencia, poden acabar marcados polo feluxe pero dificilmente serán tirados ao chan e tiznados por todo o corpo, cousa que acontece con aqueles que ousan non respectar a autoridade do Oso e dos seus Criados -normalmente veciños, veciñas ou coñecidos e coñecidas habituais-.

Falamos con Felipe Castro, colaborador de Xornal de Lemos e gran coñecedor desta manifestación ancestral do Entroido na Pobra do Brollón en Salcedo.

Podes, de forma breve, explicarnos cal é a “esencia” da tradición do Oso de Salcedo?

A mascarada do Oso resposta a un rito de protección e, por isto, podemos dicir que a esencia que el representa é a de protexer o pobo e outorgarlle, ás xentes que o habitan, todas aquelas cousas que son fundamentais para a súa subsistencia.

As novas xeracións están a respectala?

O maior problema non é se o respectan ou non, o verdadeiramente importante é se saben interpretar o que representa e a función que desenvolve nesta sociedade rural que, hoxe igual que en tempos remotos, precisa ver cubertas as súas necesidades.

Sendo certo que as necesidades de hoxe non son as mesmas que as de outros tempos pasados ou futuros, non deixa de ser certo tamén que hai unha serie de condicións inamovibles e imprescindibles polas que as xentes do rural deben loitar e preservar, cuestións tan importantes e cada vez máis escasas como son: a convivencia, a solidariedade, o entender que a colectividade e o traballo en común é o ben máis prezado que posúen, tanto ou máis coma a familia ou os seus bens privados.

Entendamos que todas estas cousas, ademais desas outras que teñen que ver con cada momento temporal, son as que o ritual que desenvolve o Oso nos procura achegar para que as interioricemos. Polo tanto é algo que todos e todas debemos asumir cando acudimos á saída do Oso de Salcedo e tamén, polo estatus de rei que posúe neste rito, temos que respectalo.

Que opina a xente maior de Salcedo?

A xente maior recorda un Oso ben diferente, un Oso máis seu xa que logo era o día do entroido onde a veciñanza de Salcedo gozaba da mascarada na máis estrita intimidade do pobo.

Pero foron quen de vivir unha transformación que lle restou moito significado á mascarada do Oso. Pasaron de enfrontarse a ela con certo temor e incluso medo, a presenciar como unha marabunta de xente se ía achegando progresivamente para gozar dun rito alleo pero querido. Probablemente tamén, moitos destes veciños máis adultos non entendan o por qué desta situación e que, seguramente, boten de menos aquel Oso que percorría todas as calexas, hortas, leiras e mesmo teitos do pobo, e que incluso se permitía, como rei, entrar nas casas e así poder enfeluxalos a todos coa tenguidura máxica do entroido, sen que se librara ninguén.

O Oso rodeado dos Criados, colaboradores imprescindibles para que poida realizar o seu traballo. Foto: C. Rueda

A existencia dos “criados” foi unha incorporación posterior? Habería que prescindir dela ou está ben integrada e temos que aceptala?

A figura do criado non é orixinaria desta mascarada ancestral e seguramente se incorporara nalgún intre da súa historia, posiblemente para facilitarlle ao Oso o seu traballo, hoxe en día imprescindible dado o altísimo número de persoas que asisten.

“A figura do criado non é orixinaria desta mascarada ancestral e seguramente se incorporara nalgún intre da súa historia”

Creo que por varios motivos non se pode nin se debe prescindir da figura do criado xa que ten ben gañado o seu lugar. De igual maneira que o Oso o relacionamos necesariamente co disfrace confeccionado con peles de ovella e unha máscara de coiro, a pesares de que non sempre foi así, tamén a personaxe do criado está, con pleno dereito, integrado dentro da mascarada, non sendo o protagonista pero si un elemento fundamental.

Corre o perigo de desvirtuarse e derivar nunha troula masificada máis? Se fose así, que se debería facer os vindeiros anos?

Unha vez dito todo o anterior, debemos recoñecer que a mascarada do Oso está xa de por si desvirtuada e, en boa medida, masificada. Actualmente o risco non é o de desvirtuala, senón de que poida morrer de éxito. Como xa dixen anteriormente, este rito era o máis íntimo e, polo tanto, con menos afluencia de público, cuestión que lle permitía moverse con moita máis liberdade e soltura, e desenvolver unha representación máis axeitada ao seu cometido.

“Actualmente o risco non é o de desvirtuala, senón de que poida morrer de éxito.”

Responder á segunda parte da pregunta, en canto a que se podería facer para evitar isto, resúltame complicado: en primeiro lugar, porque non me correspondería a min insinuar ou tomar semellante decisión, pois actualmente non participo na súa organización. En segundo lugar, porque as medidas a tomar para salvagardar o verdadeiro espírito do rito e da mascarada requiriría tomar unhas medidas restritivas importantes e que, moi probablemente, non serían compatibles co futuro do mesmo pero, admitámolo ou non, convertido xa nunha troula.

Seguro que hai unha chea de voluntarios para facer de Oso. Que criterio se segue para selo?

En principio non se debería seguir ningún criterio xa que, esa escolla, corresponderíalle facela ao espírito do Oso, que sabiamente elixiría á persoa máis axeitada, tanto pola súa capacidade interpretativa coma pola física. De aquí a importancia de gardar en segredo a identidade de quen o representa.

O Oso de Salcedo dando conta dunha vítima. Foto: Carlos Rueda

Algún ano foi muller?

Non que eu saiba, leva demasiado tempo existindo como para que ninguén o poida recordar, pero penso que non hai ningún motivo que o impida, xa que o espírito do Oso non ten xénero.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here