“Hai que ser críticos, non se pode ser pasivo ante os aconteceres”, Luís Celeiro, xornalista

"Unha sociedade que non está informada é imposible que sexa libre. Hai que ter boa capacidade de análise e despois criticar, no bo ou no mal sentido. Hai que ser críticos, non se pode ser pasivo ante os aconteceres", o xornalista Luís Celeiro, nas conferencias "Comunica que algo queda" dentro do programa “A Ponte entre o Ensino Medio e a USC".

Luís Celeiro / commons.wikimedia.org

‘Comunica que algo queda’ é o título das conferencias que vén desenvolvendo nos centros de ensino medio, o xornalista e xefe do Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, Luís Celeiro. Estas charlas temáticas promovidas pola USC pretenden ser unha ponte entre estes dous niveis de ensino, ofrecendo información sobre titulacións e servizos da Universidade de Santiago de Compostela. Falamos co xornalista de Samos, Luís Celeiro, despois da conferencia que ofreceu no IES de Quiroga.

Comunica que algo queda, que esperas que lles quede aos rapaces e rapazas despois das túas charlas nos centros de ensino?

Trátase dunha iniciativa da universidade, que creo que está funcionando moi ben con temas de comunicación e de áreas distintas de coñecemento. Non son charlas para a captación de alumnos; son charlas para axudar a coñecer distintas áreas. En comunicación dou unhas nocións xerais de comunicación e aproveito para reivindicar que se introduza no plan de estudos unha disciplina relacionada coa comunicación. Nas artes aplicadas e oficios artísticos hai materias relacionadas coa comunicación. Co tripartito puxérase en marcha, de modo experimental, unha disciplina de comunicación nalgúns centros, pero quedouse aí. Creo importante a implantación no sistema educativo dunha materia con perfil de comunicación que permita ao alumnado ter un posicionamento propio.

A comunicación agora parece máis importante que nunca porque temos moitos medios, sistemas e modos de comunicación, pero comunicámonos peor. Dá esa sensación.

Eu creo que a comunicación sempre foi un instrumento fundamental para o desenvolvemento. Comunicación é transmisión de coñecemento e transmisión de información. Unha sociedade necesita diso. Unha sociedade se non está informada é imposible que poida ser libre. Se os seres humanos non están informados non poden escoller. Hai que ter información para ser libres.

En canto ás organizacións, se non transmiten información ou non teñen unha estratexia ou uns modos de comunicación, tanto a nivel interno, cos traballadores, como a nivel externo; é difícil que a xente poida ter sentido da pertenenza e que, polo tanto, esa organización teña unha boa reputación.

“A comunicación é fundamental para acadar o desenvolvemento social”

Información, comunicación é evolución?

É un dos instrumentos fundamentais para acadar o desenvolvemento social. Na escola sería imprescindible que se coñeza para que os estudantes teñan nocións de comunicación. Que saiban esas nocións básicas da importancia das fontes, a importancia dos interlocutores, a importancia dos medios, a relación entre comunicadores,… eu creo que é fundamental, verdade?

A sociedade para desenvolverse ben ten que estar integrada por cidadáns formados, preparados e que teñan capacidade de análise, se non, non poden ser nunca críticos. Se non tes, nin información nin coñecemento, non podes nin opinar, nin interpretar e, polo tanto, entender o que acontece. Iso é fundamental.

Redes sociais / elcolombiano.com

Hai un exceso de información. Se a xente non sabe filtrar esa información termina sendo todo unha toleada?

Se a información que se transmite é a golpe de sketch, de frases,… detrás non hai nada. E detrás da información ten que haber unha elaboración, un afondamento, unhas fontes fiables, uns acontecementos que sexan relevantes; se non, non hai nada. Se só miramos titulares e como se só miraramos slogans dos que se fan para vender.

Por iso estas charlas cos que serán os dirixentes de mañá, van ser os líderes de inmediato, van levar o timón desta sociedade. E para esta xente requírese que teña formación, que teña unha base científica importante para saber interpretar, escoller, para que sexan capaces de coller o camiño que o leve pola senda da liberdade individual e da liberdade colectiva.

Informar é transmitir, transmitir coñecemento e información. Se non hai información, non pode haber coñecemento e sen coñecemento non hai capacidade precrítica.

“Se non les, dificilmente podes chegar a comprender nada”

A comunicación faise fundamental, pero as ferramentas non se usan ben. Parece haber unha despreocupación por falar axeitadamente e utilizar correctamente a ortografía?

Son problemas que veñen coas redes sociais. A mentalidade do que máis dá, non importa nada a ortografía, nin a expresión, nin a calidade da información, nin que se entenda nin se deixe de entender. Creo que isto tamén vén dado porque hai un nivel moi reducido de lectura e iso é fundamental. Os rapaces teñen que ler moito. A compresión da lectura é o que che dá. Se non les, dificilmente podes comprender nada. E a transmisión oral está moi ben pero é fundamental que haxa unha reflexión sobre o que se le e o que se di, o que se entende e incluso volver a reler.

A comunicación non está nas aulas, nalgún momento pensouse en retirar a filosofía,… Feramentas fundamentais na educación que se chegan a cuestionar.

É fundamental que haxa materias no ensino que che axuden a organizar as ideas e a ter amplitude de ideas. Matemáticas, comunicación,… non se pode resolver un problema se non o sabes ler, se non o sabes interpretar. É a base. A linguaxe matemática, a música, a comunicación e a filosofía teñen moita relación e serían fundamentais.

Como rematas os encontros cos rapaces? Que lles dis para terminar?

Que lean moito para adquirir capacidade de análise e despois poder ser crítico. Ter boa capacidade de análise e despois criticar, no bo ou no mal sentido. Hai que ser críticos, non se pode ser pasivo ante os aconteceres.

1 COMENTARIO

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here