A Pobra do Brollón lembra a Rosalía de Castro

O vindeiro domingo 1 de marzo a Casa da Cultura acollerá unha peza teatral e o vindeiro día 5 haberá un obradoiro de ilustración infantil arredor da figura da escritora galega.

Ilustración de Rosalía de Castro / Xosé Manuel Fdez.

Na Pobra do Brollón celebrarán o Día de Rosalía de Castro cunha obra teatral, “A pluma viva de Rosalía”, montada a partir de textos da escritora pola compañía Os Quinquilláns. O evento será o vindeiro domingo 1 de marzo ás 18:00 na Casa da Cultura ‘Olga Novo’ e a entrada é libre e gratuíta.

Na montaxe teatral, baseada nun feito real de censura a textos de Rosalía, abórdanse as dificultades ás que tivo que afrontarse unha muller escritora no seu tempo. Preténdese achegar a súa obra a tódolos públicos, particularmente a maiores de 9 anos e público adulto en xeral.

Ademais da obra teatral, o xoves 5 de marzo haberá un obradoiro de ilustración infantil sobre a figura de Rosalía de Castro a cargo de Estefanía Padullés. Está orientado ao alumnado do colexio da Pobra do Brollón pero a participación está aberta a outros e outras interesados/as. Comezará ás 11:30 na Casa da Cultura ‘Olga Novo’.

O Día de Rosalía celébrase cada 24 de febreiro e este ano cúmprense 183 do seu nacemento. Ao coincidir a data en pleno Entroido, o Concello da Pobra do Brollón decidiu aprazar uns días as actividades conmemorativas organizadas polo Concello.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here