Novo concerto online na Pobra do Brollón

Tralo éxito do primeiro concerto con Ale González, desta volta o artista convidado é o lalinense Benxamín Otero. O evento será en directo o sábado ás 21:00 na páxina de Facebook do Concello da Pobra do Brollón.

Benxamín Otero

O Concello da Pobra do Brollón acolle este sábado o segundo evento do seu ciclo Cos Pés Na Casa, unha serie de concertos ‘online’ para seguir programando cultura na corentena.

Benxamín ofrecerá dende o seu confinamento en Lalín un concerto creado ad hoc para Cos Pés Na Casa. Será fiel ao seu instrumento predilecto, o óboe, mais tamén tocará o corno inglés e a guitarra eléctrica, aos que ademais aplicará a técnica do loop. Isto, combinado cos trucos de maxia que o artista adoita introducir nos seus concertos, promete un concerto moi singular.

O Concello da Pobra do Brollón respondeu á nova realidade causada pola emerxencia sanitaria lanzando na primeira semana de confinamento Guimaralia Te Ve, cunha emisión diaria de vídeos nas redes sociais en colaboración con veciños e achegados.

Agora, a través de ‘Con Pés na Casa’, volven innovar. ‘Comezamos o ciclo cun artista moi querido na Pobra do Brollón como é Ale González,’ comenta o técnico de cultura do Concello, Xosé Gago. ‘Co concerto de Benxamín Otero podemos dicir que é unha proposta un pouco máis arriscada pero pensamos que é necesario seguir apoiando aos artistas, que viron cancelados todos os seus eventos para varios meses, para ofrecer cultura de calidade’.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here