Dobre presentación literaria de Xosé Estévez como homenaxe a Quiroga e a Galiza

“O Val de Quiroga e Galiza na saudade do corazón” e “Da Galiza ao Galeusca” serán as obras que dará a coñecer este ilustre quirogués o venres 17 de xullo na Casa da Cultura de Quiroga.

Xosé Estévez Rodríguez

Xosé Estévez Rodríguez naceu en Quiroga no ano 1943, diplomouse en Estudos Eclesiásticos (Lugo / 1967), licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade Complutense de Madrid (Madrid / 1973) e doutorouse en Historia pola Universidade de Deusto en 1990. Ademais do seu labor como docente destaca como escritor, con varias obras publicadas e numerosos artigos en diferentes xornais e revistas.

No tempo que estudou en Madrid coñeceu á súa muller, que estudaba económicas, e o amor fixo que Euskadi fose o seu destino no ano 1973. Alí fixou a súa residencia habitual pero sen esquecer a súa terra, vindo sempre que pode a Galicia e á súa casa de Quiroga. Cando lle pregunto como define a súa dobre identidade, Xosé dime “a miña patria orixinaria é Galiza e a miña patria adoptiva Euskadi”.

Este venres 17 de xullo presenta no Salón de Actos da Casa da Cultura ás 20:00 h. “O Val de Quiroga e Galiza na saudade do corazón” e “Da Galiza ao Galeusca”. Xunto con el estarán Ramón Vila, director dos Museos Xeolóxico e Etnográfico de Quiroga; Eva Teixeiro, profesora do IES poeta Díaz Castro de Guitiriz; e Uxío Breogán Diéguez, director do Instituto Galego de Historia e profesor da UDC.

O VAL DE QUIROGA E GALIZA NA SAUDADE DO CORAZÓN

Este libro vén a ser unha combinación de distintas cousas -miscelánea- pero cun fío condutor ou nexo en común moi claro, o seu amor a Galiza e a Quiroga. Ou como define o propio autor “un testamento vital de homenaxe á miña patria pequena, Quiroga, e á miña patria grande, Galiza”.

No último episodio desta gran obra achega un vocabulario quirogués con máis de 300 palabras

A obra foi autoeditada e non subvencionada, aclarando Estévez que deste xeito non contou con ningunha limitación nin censura podendo expresarse con total liberdade. Nunha extensión dunhas cincocentas páxinas podemos atopar diferentes capítulos con cadansúa temática, se vén o primeiro deles fai un pouco de alicerce e marca o punto de partida da obra. Trátase dunha ampliación do seu relato etnográfico, “A lagoa da memoria” -publicado nos anos noventa- no que recrea a súa infancia en Quiroga. Este capítulo, o máis extenso, chega ata a páxina 127 do libro. No resto de capítulos Xosé Estévez dedícalle páxinas a persoeiros salientables que pasaron ou tiveron algo que ver co Val de Quiroga, coñecidos del como Manuel María, Ernesto Guerra da Cal, Uxío Novoneyra ou Anxel Fole, e outros históricos como Daniel Nogueira, Daniel Losada, Rodríguez Marzabal ou Eduardo Moreiras. Tamén escribe sobre a Ermida e o Priscilianismo; lembra persoeiros vascos que pasaron por estas terras no século XIX e que viñan traballar ás ferrerías; fálanos da Unión Quiroguesa -institución galega creada en Bos Aires e que contaba con máis de 400 afiliados-; do patriotismo quirogués; dedícalle un lugar a escolmas de poemas dedicados a Quiroga e artigos publicados en prensa; e máis temas que non detallamos aquí para non estendernos. Como curiosidade, no último episodio desta gran obra achega un vocabulario quirogués con máis de 300 palabras que foi recollendo durante anos, léxico non atopado en dicionarios nin mesmo no recoñecido Dicionário Estraviz.

“Un testamento vital de homenaxe á miña patria pequena, Quiroga, e á miña patria grande, Galiza”

DA GALIZA AO GALEUSCA

Esta é a segunda obra que presenta Estévez. Trátase dun traballo máis científico. Partindo dun capítulo vivencial no que fai unha análise de como foi collendo conciencia galega e social chega a capítulos nos que debulla sobre o dereito á autodeterminación e sobre Galeusca, tema que coñece especialmente e que deu pé á súa tese doutoral -O Galeusca 1923-1930-.

O punto de partida deste traballo, segundo recoñece o propio autor, trata das “experiencias da nenez e da xuventude. Unha análise de como a través do idioma, e cunha conciencia difusa, fun collendo unha conciencia máis formada grazas a lecturas e conversas con xente como o mesmo Manuel María”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here