“Cultiva a Cultura”, lecer activo e cultural en Pantón

O colectivo Segredos de Pantón deseñou unha atractiva programación que convida a un paseo nocturno por Toldaos, a unha demostración de fabricación de tellas, a coñecer o mundo dos morcegos e a descubrir os segredos dos Peares.

Bosque caducifolio. Fonte: Segredos de Pantón

Esta iniciativa pretende ofrecer un verán cultural con actividades variadas que darán a coñecer o patrimonio etnográfico, paisaxístico e cultural do Concello de Pantón. Dende hai uns anos, Segredos de Pantón xa vén realizando actividades de forma continuada e cunha certa diversidade de contido, e a intención de facer un ciclo cultural na época estival xa hai tempo que lles pasaba pola cabeza. Este ano a Covid-19 puxo freo a esta rutina co cal o colectivo viu máis necesario crear unha oferta cultural, axeitándose sempre á nova situación.

“Decidimos sacalo este ano para amosar que malia ao bicho seguimos a argallar cousas e que queremos aportar plans no rural, sempre con seguridade e sentido común”, afirma Lucas Vázquez, un dos puntais de Segredos de Pantón.

O aforo será moi limitado, 35 persoas, haberá distancia social e será necesaria a inseparable máscara facial. Para participar nas diferentes actividades cómpre ademais facer unha reserva previa a través das seguintes canles:

Por correo electrónico no enderezo segredosdepanton@gmail.com, redes sociais Twitter, Instagram ou Facebook de Segredos de Pantón ou por teléfono e/ou WhatsApp contactando no 662 669 223 (Lucas Vázquez).

Programa completo “Cultiva Cultura 2020”

31 de Xullo: Paseo nocturno por Toldaos. 

Nesta actividade coñeceranse historias de meigas, pantasmas e meigallos desta parroquia. Este lugar que sempre tivo sona polas súas reunións de meigas e por albergar un gran número de bruxas entre as súas veciñas. 

Esta actividade dará comezo ás 21:30 da noite no campo da festa de Toldaos.

16 de Agosto: Demostración de fabricación de tellas e ladrillos. 

O último telleiro do Rosal José Álvarez Alonso “O Buraco” amosará aos participantes como se elaboraban antes as tellas e os ladrillos. Ademais, fará de guía na telleira do Baliño. 

Esta actividade dará comezo ás 10:00 da mañá na explanada da Telleira do Baliño, no Castro de Ferreira.

Forno Telleira. Fonte: Segredos de Pantón.

5 de Setembro: Noite de morcegos.

Da man da bióloga Ledicia Santos, de Morcegos de Galicia, descubriranse  estes descoñecidos animais da noite. Ademais de saber máis de morcegos a intención é observalos no seu hábitat.

Esta actividade dará comezo ás 22:00 h. en lugar por concretar.

12 de Setembro: Paseo guiado pola vila dos Peares.

Un grupo de veciños e veciñas orgullosos/as do seu lugar, contarán historias dos comercios, casas e vivencias desta vila que se reparte en 2 provincias e 4 concellos.

Esta actividade dará comezo ás 10:00 da mañá no aparcadoiro da estación de tren dos Peares.

Ponte dos Peares. Foto: Segredos de Pantón.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here