Dhogs, Revenge, Mazinger Z e Akira, 4 películas de luxo no FanCine de Lemos

Este xoves comeza a V Edición do festival de cine fantástico e de terror en Monforte de Lemos. Un certame de referencia en Galicia que toma posicións na axenda do seu xénero a nivel nacional.

Iván Patiño co cartel anunciador deste ano. Foto: Amanita Studio

Os organizadores do FanCine non só proxectan unha chea de curtametraxes e películas, se non que queren ir máis alá, queren facer de Monforte a capital do cinema fantástico e de terror durante os días que dure o festival. Pasar en cinco anos dunha media de espectadores por día de 300 a 800 e recibir case 300 películas a concurso cando o primeiro ano chegaron só 40 di xa bastante da evolución e crecemento deste evento cinematográfico.

Iván Patiño e Carlos Álvarez, da produtora Amanita Films, son os creadores deste certame que traerá a Monforte de Lemos algúns dos mellores films de cinema fantástico e de terror do momento entre os días 26 e 29 de xullo. As películas máis esperadas desta edición son Dhogs, Revenge e Mazinger Z.

Pero ademais, tamén haberá unha chea de actividades paralelas como exposicións permanentes, que neste ano homenaxean ao Anime, “Mi vecino Totoro” e “Mazinger Z” que cumpren 30 e 45 anos respectivamente, interesantísimas “clases maxistrais”, o FantaFesti onde se poderán ver curtametraxes realizadas por rapaces do Colexio Padres Escolapios e un torneo de Clash Royale. Todas as películas son de balde e haberá varios postos informativos do festival en direfentes puntos do centro da vila.

Achegámonos ao centro operativo de Amanita Studio e falamos con Iván Patiño, un dos creadores e organizadores de FanCine de Lemos.

O FanCine empezou sendo un festival só de terror?

Pódese dicir que si. Cos anos, por público e por propia evolución, ampliamos o xénero para consolidar un festival de cine fantástico e de terror.

Cantas obras recibistes nesta V Edición? Supoño que cada ano chegan máis a concurso?

Este ano chegaron unhas 270 curtametraxes aínda que o récord foi o pasado ano cunhas 300. Estamos moi contentos coa evolución neste sentido pois o primeiro ano chegaron unhas 40.

Estou pensando agora no traballo de visualización de todo este material… Quen se encarga?

Pois aínda que non o creas, é traballo dunha soa persoa. Carlos Álvarez é o encargado de velas todas. Empeza a principios de maio e a finais de xuño xa as ten visualizadas, un crack (risas).

Este ano Mazinger Z é o protagonista do cartel, por que?

Pois porque nesta edición facemos unha homenaxe ao mundo da animación e ademais cúmprense 45 anos do nacemento desta personaxe que tanto marcou a varias xeracións.

Mazinger Z,  ademais de ser a imaxe do cartel deste ano, será o que abra a proxección de películas ao aire libre no Parque dos Condes xoves ás 22.00 h. Unha exclusiva para Monforte poder ver en pantalla xigante a película “Mazinger Z: Infinity”. E non queda aquí a cousa, teremos na Casa da Cultura unha exposición con obxectos relacionados coa personaxe que pertencen a Miguel Ruíz, un dos mellores coleccionistas de Mazinger Z de toda Europa. Outro auténtico luxo.

Iván Patiño. Un dos creadores do FanCine de Lemos. Foto: Amanita Studio

Falemos agora das actividades paralelas. Cóntame que hai este ano no Fancine ademais dunha chea de boas películas.

Pois repetimos a experiencia das “master class”. Haberá charlas moi interesantes. O venres 27 teremos a Olga Osorio, que nos falará do proceso creativo de Einstein Rosen e a Jordi Pastor que nos aportará coñecementos sobre o arte do story board. E xa o sábado 28, Fernando Cortizo que nos desvelará os misterios da realización dunha película en stop motion. Ambas charlas profesionais en horario de tarde na Casa da Cultura.

As exposicións relacionadas co Anime na Casa da Cultura, o FantaFesti para coñecer a creatividade dos novos valores monfortinos, o torneo de Clash Royale grazas á colaboración de “MásQFriki” e o concurso de debuxo Anime grazas á colaboración de Wellness Area.

Como funcionan os pases de curtas na Casa da Cultura e o Cinema ao aire libre?

Pois estamos moi contentos nos dous casos. En canto a espectadores das curtas a concurso pasamos de 300 a 800 espectadores diarios co cal a cousa está funcionando. E no caso das proxeccións ao aire libre o éxito é rotundo. Tanto é así que este ano no canto de 2 días dedicaremos 3 a facer pases no Parque nos Condes. Tres días e catro filmes espectaculares, Mazinger Z, Akira, Dhogs e Revenge.

Vexo que este ano apostastes por un xurado cento por cento galego para valorar a calidade das curtas presentadas?

Pois si, a idea era traer a 3 talentos cinematográficos, e mellor se eran galegos porque deste xeito tamén reivindicabamos e poñiamos en valor aos profesionais que temos na casa.  Víctor Rivas é un gran ilustrador e coñecedor do anime, Olga Osorio unha directora e guionista de gran proxección que está desenvolvendo a súa primeira longametraxe en Vaca Films, e Fernando Cortizo, un creativo que fixo a primeira película en stop motion caleidoscópica de Europa, “O Apóstolo”. Pouco máis se pode dicir…

Unha das novidades, non nos esquezamos, é tamén a creación dunha APP para o festival. Cóntame.

Este ano, na idea de evolucionar e innovar decidimos crear una aplicación móbil que fora de utilidade para os interesados no evento. Con ela pódese acceder á programación dunha maneira moi cómoda e atractiva e pódense xerar alertas para que nos avisen de actividades ou películas do noso interese. Con elas non hai escusa para dicir que se nos pasou algo importante (risas).

Para rematar, como se organiza e financia un festival destas características?

No que respecta ao traballo pois funciona a división de tarefas. Os contidos lévoos eu, a programación de curtas Carlos Álvarez e a parte gráfica é cousa de Amanita Studio. Despois, xa nos días de festival, traballamos todos estes e coa colaboración a maiores de voluntarios que nos botan unha man nos stands e na organización das diferentes actividades.

O financiamento parte principalmente de empresas monfortinas colaboradoras, do material promocional que vendemos (camisetas, postais, bolsas de tea, cuncas, chaveiros, chapas…) e unha pequena axuda do Concello de Monforte.

Pequena? E non hai máis apoio institucional que o do Concello?

Si, consideramos que é pequena dada a dimensión que estamos collendo e as actividades paralelas que se realizan. Levamos uns anos nos que o festival medra pero a aportación económica do concello está estancada. Esperamos e necesitamos máis, pero iso xa non depende de nós.

E aquí queda o financiamento público, nin Agadic nin Deputación de Lugo, por diferentes motivos, aportan nada para poder organizar o FanCine.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here