Milladoiro presenta o seu novo disco ‘Atlántico’ en Monforte

Será o vindeiro 21 de novembro ás 20.00 h. no Edificio Multiusos. Só 30 persoas terán acceso ao concerto en directo tendo o resto de interesados/as a posibilidade de velo despois a través da páxina web do concello.

Grupo Milladoiro. Foto do propio grupo.

O Concello de Monforte, seguindo coa súa programación cultural prevista para o último trimestre do ano, trae ao Edificio Multiusos un atractivo concerto que ofrecerá o emblemático grupo galego Milladoiro.

O salón de actos do Edificio Multiusos acollerá o vindeiro sábado 21 de novembro ás 20:00 horas, e dentro do programa Xacobeo 2021, esta actuación aproveitando que Milladoiro está de xira presentando o seu novo traballo “Atlántico”. No transcurso do concerto farase un percorrido polas composicións máis lendarias do grupo dende as súas orixes ata hoxe, unha homenaxe á longa traxectoria do grupo folk galego por excelencia.

Esta actividade está programada pola Dirección Xeral de Política Lingüística, e organizada polo Concello de Monforte en colaboración coa Deputación de Lugo.

A entrada para este concerto será de balde, pero tendo en conta a actual normativa establecida polas autoridades sanitarias para este tipo de espectáculos, a capacidade do local estará limitada a un máximo de 30 persoas. Estas estritas restricións, que limitarán a asistencia a este interesante evento, levaron ao Concello de Monforte a tomar a decisión de gravalo para ser emitido posteriormente, nunha data aínda por determinar, a través da súa páxina web.

Para poder optar a conseguir unha desas 30 entradas, os interesados e interesadas deberán, do 16 ao 18 de novembro, realizar unha solicitude individual, ben chamando o teléfono do Concello: 982 402 501, ou ben escribindo un correo a: cultura@concellodemonforte.com, indicando nel o nome e teléfono da persoa que quere acudir ao concerto.

O xoves 19 farase un sorteo entre todos os solicitantes de entradas e determinaranse os 30 asistentes. O resultado do sorteo será comunicado individualmente por teléfono a cada persoa agraciada, ou a través do correo electrónico o propio xoves 19 pola mañá.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here