Cereixa acolle unha final máis importante ca do mundial de Rusia

Foto de familia / XdL

A parroquia de Cereixa, na Pobra do Brollón, é a localización elexida dende hai anos para desputar un partido de alto risco. Casados contra solteiros.

Cartel partido casados contra solteiros/XdL

Unha vella tradición que deu comezo por iniciativa dos máis novos da zona que no mes de agosto sempre volvían á súa terra para pasar uns días de vacacións. Aínda que os equipos están formados dependendo do seu estado civil, hai veces que saltarse a norma é lóxico senón, o bando dos solteiros superaría en maioría numérica ó dos casados. E iso é unha desvantaxe, pero non polo número de integrantes, senón pola idade dos compoñentes. Barrigas que xa comezan a asomar xunto coas canas e xeonllos que xa doen de xeito inexplicable fan que os solteiros, aínda que sexan 5, lle metan unha boa goleada ós casados.

Como se da selección de Islandia no Mundial de Rusia se tratara, os futbolistas non se adican exclusivamente ó deporte. Algúns practícano ó longo do ano en diferentes equipos da contorna pero para outros é o único día do ano que teñen un balón entre os pés.

Dende hai anos a definición de casados contra solteiros -anteriormente foi maiores contra menores de 30- quedou obsoleta. E é que dende que Xurxo Ayán e Xosé Gago chegaron para traballar no Castro de San Lourenzo a Cereixa, non quixeron perder a oportunidade de demostrar as súas dotes deportivas chegando a denominar o partido como Memorial San Lourenzo. Nesta edición 2018 ademais, tamén participan os rapaces chegados dende diferentes partes do mundo co campo de traballo de recente creación. Unha combinación de cualidades deportivas, idades, técnicas, estados de forma física e modo de xogo que nada ten que envexar ós grandes partidos que emiten as canles televisivas internacionais.

Palco presidencial / XdL

O lameiro do Turín, denominado para a ocasión Cereixa Stadium, é o campo elixido. Cunha lixeira pendente, herba seca e algunha que outra deposición das vacas que habitualmente habitan o campo, as porterías son delimitadas con 2 paus e o árbitro elíxese sempre baixo o baremo de quen é o que menos ganas ten de correr. Iso si, as tarxetas vermella e amarela sempre quedan no esquecemento e frecuentemente, é ignorado. Este ano a súa situación mudou. A chegada das novas tecnoloxías tamén vai estar presente neste encontro. E é que hai b/var. O var é o público que este ano gaña máis importancia ca nunca e o bar, O Fogón.

Unha oportunidade perfecta para gozar dun tempo de lecer entre amigos que tras o encontro, e para repoñer forzas, tomarán unhas cañas e cearán churrasco ata que os quilos perdidos na carreira, volvan ser recuperados.

Queres ver un intre do partido?

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here