As ‘Mulheres’ que retrata Merce Moreno “emanan forza telúrica”

Esta polifacética sarriá inaugurou o día 8 de marzo a exposición fotográfica “Mulheres” na Antiga Prisión Preventiva de Sarria. Na presentación, coas restricións sanitarias debidas, estiveron tamén as concelleiras Reyes Abella e María Eugenia Valcárcel. Falamos con ela.

María Eugenia Valcárcel, Merce Moreno e Reyes Abella na presentación da exposición. Levan as prendas típicas que visten as Mulheres da Raia: 'O Avental' (típico das mulleres de Pitôes das Junias) e as "Capas pretas de Burel' (típicas das mulleres de Castro Laboreiro en Melgaço. Foto: Leticia

Mercedes Vázquez Saavedra, ‘Merce Moreno’ para a veciñanza de Sarria, é unha muller inqueda. Quédanos claro tras quince minutos de conversa previa ao acto de inauguración da exposición “Mulheres”, actividade que se enmarca dentro do programa do 8M que presentou este ano o Concello de Sarria.

Mulheres. Foto da mostra: Leticia

Para empezar cóntanos que aquí, en Sarria, máis que por Mercedes Vázquez, todo o mundo a coñece por ‘Merce Moreno’ por ser da ‘Casa do Moreno’. E tirando deste fío cóntanos que os seus devanceiros, no século XIX tiñan un comercio de tecidos moi coñecido na vila. O negocio continuou nas seguintes xeracións ata chegar a ela, que xunto co marido mantiveron o local pero xa como tenda de roupa ‘Boutique Moreno’, negocio que agora levan os seus fillos.

Todo o mundo a coñece por ‘Merce Moreno’ por ser da ‘Casa do Moreno’

Merce traballou máis de 40 anos na Administración dedicándose a organizar e coordinar actividades socioculturais e explícanos que vén dunha familia de ‘artistas’, culturalmente moi activa. Dende ben pequena facía teatro e lémbrase escribindo toda a vida. Segundo refire, ten participado en moitas obras colectivas, colaborou no xornal El Progreso e como obras salientables dinos que publicou: “Guía do Courel”, “Guía da Pobra do Brollón”, “Guía da Ribeira Sacra” e as biografías de María Mariño e Ramón Piñeiro.

Tamén pertenceu ao Grupo Avary, composto por intelectuais de diferentes disciplinas -pintores, escritores, fotógrafos, etc- e pertence na actualidade á Academia Ibérica da Máscara, con sede en Bragança, da que é secretaria.

“Son unha apaixonada pola vida e pola cultura en xeral”, confesa Merce. Falando con ela xa comprobamos o moito que ten para contar, semella que as palabras lle saian a cachón, sen deixar case oportunidade para colocar as nosas preguntas.

“Son unha apaixonada pola vida e pola cultura en xeral”

A polifacética artista, falounos tamén da súa afección á fotografía e do amor polas máscaras, outra das súas paixóns que tamén lle veñen dende nena. Segundo ela, o feito de ver na casa fotos de familiares disfrazados levoulle a sentir curiosidade por este mundo.  Nos anos 2018 e 2019 levou a cabo unha moi interesante mostra fotográfica itinerante: “Viaxe polo mundo da Máscara” no que se reflectían máis de 30 anos de traballo de investigación.

A EXPOSICIÓN

“Mulheres” estreouse no 2018 en Vilar de Santos e chega agora a Sarria, concretamente á Antiga Prisión Preventiva de Sarria (Rúa da Mercé). Poderase visitar ata o 9 de abril en horario de luns a venres de 10:30 a 13:30 h. E se alguén quixese consultar outras posibilidades de horarios pode chamar aos teléfonos 982 5350 00 / 982 530668.

Trátase dun traballo que afonda no coñecemento das mulleres do mundo rural, especialmente as mulleres da raia galego-portuguesa, de Pitôes e das aldeas comunitarias de Castro Laboreiro (Melgaço). O interese de Merce polas mulleres de idade empezou uns 20 anos atrás, un interese que non se reduce só ao feito de fotografar, “gústame saber a historia que hai detrás delas”, di Merce ao tempo que recoñece sentirse seducida especialmente polas mulleres da raia por ser moi boas contadoras e ter moitas historias que contar. “Son moi traballadoras, foron nais e pais cando os homes marcharon, son fontes de sabedoría, teñen moito que contar e gardan moitos segredos por participar no tránsito das fronteiras… axudaron a moitos escapados por humanidade”, dinos.

“Emanan forza telúrica… hipnotízanme”, chega a dicir Merce

Para rematar preguntámoslle como consegue a confianza desas mulleres e dinos que para ela é máis doado, que ao ser unha muller maior téñena por unha igual, empatizan axiña falando de cousas familiares… “Son mulleres que sufriron soidade… quizais maltrato, iso si, entro ata onde me deixan entrar”, sentencia.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here