Actividades culturais promovidas pola Deputación na zona sur da provincia

O IES Lama das Quendas de Chantada e o Ateneo Casino de Monforte acollen as próximas citas culturais que organiza a área de cultura da Deputación en colaboración cos concellos e asociacións.

Tarabela Creativa / Vicepresidencia Deputación

O IES de Chantada, Lama das Quendas, acollerá o día 14 de abril ás 11.30 a representación da obra “Rosalía”, dirixida pola actriz e directora Fina Calleja, ligada á premiada compañía Sarabela e responsable de moitas das súas montaxes infantís e xuvenís.

“Rosalía” recrea a infancia da poeta como a etapa na que se forxou a rebeldía e o impulso transformador que define a súa obra e biografía. A protagonista da representación, pensada para público familiar, é unha Rosalía aínda nena que se resiste a abandonar a aldea, onde vive baixo a tutela das súas tías maternas, para ir vivir con súa nai a Compostela.

A actuación forma parte da programación organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo arredor da figura de Rosalía de Castro, en colaboración con concellos e centros educativos.

O día 16 de abril o Ateneo Casino de Monforte acolle a partir das 20.00 h. a representación de “Costureiras”, unha función na que a narradora abadinense Ángeles Goás e o cervense Felipe Díaz “Caxoto”  fían unha historia tras outra a partir de recordos de infancia e historias recollidas sobre a vida das mulleres que se dedicaban a este oficio.

“A vida de mulleres en casas alleas mentres levaban a cabo a súa laboura. Era a vida nos camiños dunha casa á outra. Enriba das súas cabezas carregaban a máquina de coser e debaixo da máquina; mil cousas que pensar… mil historias que contar”, indica a sinopse da montaxe, producida por Tarabela Creativa.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here