A Vicepresidencia da Deputación de Lugo difundirá a través da canle de Youtube e das redes sociais a serie “Outras voces para as letras de Xela”, que divulgan o legado de Xela Arias para a cultura galega do noso tempo a través de lecturas e interpretacións da súa obra e de reflexións biografías de familiares, escritores e escritoras, artistas e persoas anónimas.
A vicepresidenta, Maite Ferreiro, explicou que “con esta iniciativa, aproveitamos as posibilidades que nos ofrecen a linguaxe audiovisual e as canles dixitais para difundir e poñer en valor a figura de Xela Arias.”
“Outras voces para as letras de Xela” consta de quince pezas audiovisuais que confluén na intención de render homenaxe á poeta da Vilerma no ano en que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Con escenarios vinculados a súa infancia, entre o rural de Sarria e a cidade de Lugo, como pano de fondo, os vídeos retratan a Xela Arias a través da súa poesía, de textos literarios clásicos que traduciu ao galego e de reflexións biográficas.
Escritoras e escritores lugueses coma Olga Novo, Marica Campo, Helena Villar, Raga Lobelle, Carmen Blanco, Xesús Rábade, Lois Pérez, Claudio Rodríguez Fer homenaxean a esta activista das letras, da lingua e da acción social e cultural, comprometida e multidisciplinar.
A obra de Xela Arias tamén se revisa desde a danza e a expresión corporal a través de artistas como Carlota Pérez e desde a perspectiva que ofrecen persoas anónimas, nenas e e nenos e público adolescente dos centros educativos que len os primeiros escritos infantís en prosa da autora.
A serie audiovisual incorpora ademais as voces dalgúns dos seus familiares máis achegados coma o seu fillo Darío Gil ou o seu irmán Lois Arias. Estrearase unha nova entrega os martes e xoves ás 20.30 horas.