Láncara énchese de cantares de amor e amigo do trobador Martín de Padrozelos

Inagurouse este sábado a exposición "De Amor e de Amigo, as cantigas de Martín de Padrozelos", coas dez cantigas do trobador.

Presentación da exposición sobre o trovador Martín de Padrozelos en Láncara / remitida

“De Amor e de Amigo, as cantigas de Martín de Padrozelos” é o nome da exposición inaugurada este sábado no Polifuncional do Campo da Feira da Pobra de San Xiao (Láncara), onde estará aberta ao público, en horario de 11 a 14 horas e de luns a venres, ata o 3 do vindeiro mes de xuño.

A exposición está adiacada ás dez cantigas que se conservan do trobador Martín de Padrozelos. Nove son cantigas de Amigo e unha é de Amor.  O último dos paneis recolle un mapa no que se relacionan os lugares por onde os expertos din que se movía o trobador e aqueles que el cita nas cantigas, pertencentes aos concellos de Samos e O Incio.

No acto inaugural participaron o alcalde de Láncara, Darío Piñeiro; o presidente da entidade organizadora, a Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA), Xosé María García Palmeiro; o delegado territorial de Lugo da consellería da Presidencia, Gerardo Criado Guizán; o secretario de APECSA, Xosé Salgado; os concelleiros de Láncara, Miguel Rodríguez Abad, Santiago Cubillas e Óscar Martínez, xunto co comisario da Exposición, o xornalista Luís Celeiro.

Os relatores destacaron a importancia cultural e histórica desta Exposición, referíndose ao trobador como un dos primeiros da lírica galega e recordaron tamén a personalidades do mundo da cultura naturais de Láncara, como outro dos trobadores, Pere de Armea, do século XIII, e o galeguista Ramón Piñeiro, que naceu neste concello o 31 de maio de 1915 (fino o 27 de agosto de 1990).

APECSA desenvolveu, en 2019, un importante proxecto relacionado con este trobador, “Andares pola lírica de Martín de Padrozelos”, promovido e coordinado tamén por Celeiro e no que se musicaron as dez cantigas, coas que A Quenlla gravou un CD, “Trobador no Camiño” e a través do que se realizou un documental que pon de manifesto a valía literaria das cantigas de Martín e da literatura trobadoresca.

A Asociación Cultural Val de Láncara colabora con esta Exposición, que conta co apoio económico de “O teu Xacobeo”, da Xunta de Galicia. Os organizadores destacaron tamén “o bo facer” dos outros concellos implicados nesta actividade itinerante e didáctica, que xa estivo en Sarria e -despois de Láncara- estará en Paradela (4 de xuño – 15 de xuño 2021), en Triacastela (18 de xuño –29 de xuño 2021), en Samos (2 de Xullo – 21 de xullo 2021), en O Incio (22 de xullo –5 de agosto 2021), en Folgoso do Courel (6 de agosto – 17 de agosto 2021), Portomarín (19 de agosto – 30 de agosto 2021) e Pedrafita do Cebreiro (1 de setembro – 11 de setembro 2021).

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here