InicioCultura"Monforte e Ribeira Sacra ofrecen un marco natural inigualable, pero a agonía...

“Monforte e Ribeira Sacra ofrecen un marco natural inigualable, pero a agonía de Urdimbre pedía espazos interiores,” asegura Rufo García na súa estrea como director

"Urdimbre creo que é unha curtametraxe que espero e desexo que guste. É unha boa proposta de curta que funciona moi ben, é moi rápida e creo que pode deixar algunhas sorpresas que a xente ten que ir para descubrilas. Vai ser un día moi interesante pola xente que hai, as actividades do Fancine e creo que é un bo momento para apoiar á cultura que a necesitamos e a cultura segue sendo segura e necesaria dentro da sociedade," asegura o director de Urdimbre, Rufo García.

Publicado o

- Advertisement -

Este domingo remata unha nova edición do Fancine de Lemos que o ano pasado quedou sen celebrarse pola pandemia. Este sábado pola tarde a cita co Fancine desenvolverase na adega Algueira e será o momento para poder ver Urdimbre, historia dunha desaparición, do monfortino, Rufo García, no seu primeiro traballo como director despois de estar toda a vida vinculado ao sector como sonidista. Falamos con el.

Como Urdimbre converteuse de proxecto en realidade?

Era un guión que tiña feito desde hai moito tempo e cando saíu que o Fancine de Lemos volvía este ano, pensamos en facelo en Monforte, a pandemia tampouco estaba para gravar fóra. A formulación foi buscar un equipo 100% monfortino, gravar en Monforte, presentalo dentro de Monforte. Todo o mundo empezou a reaccionar e responder e a acollida foi boa.

Quedou escrito á espera de rodalo e agora foi o momento.

Es autor do guión, como naceu ese guión?

Desde moi pequeno tiven interese en como enfrontaría eu determinadas situacións na vida e entre elas, as desaparicións espértanme interese. Xérame desazón poñerme no caso. É algo que na nosa sociedade dáse cada certo tempo e cos casos máis mediáticos sempre pensaba que faría eu nesa situación, tentábame poñer na pel dos personaxes, como enfrontarían eses primeiros momentos. Fun reflectindo esas actitudes a través dun guión e funo plasmando. Quedou escrito á espera de rodalo e agora foi o momento.

Tes máis guións, haberá máis curtas?

Teño dous totalmente feitos e un en camiño. Estaba a esperar a ver como vai este. Agora toca distribuír e promocionar Urdimbre. E teño unha idea cara final de ano, dependendo de como estea a cousa podería facer un ou outro.

7 minutos, 7 segundos, 7 frames

Que é Urdimbre? Que significa?

Urdimbre é unha rede de fíos que forman unha trama ou a acción de unir unha trama. A desaparición da curtametraxe ten relación con iso, cunha trama e veunos ao xeito. Tivemos dificultades para dar cun nome que soase ben desde o punto de vista sonoro, que fose fácil de lembrar e falando co equipo chegamos a este nome que é o que máis se adecuaba tanto por significado como por son.

Urdimbre é tamén un traballo audiovisual 100% monfortino que ten unha duración de 7 minutos, 7 segundos, 7 frames, a duración non foi premeditada, veu así de montaxe e así quedou, iso tamén lle dá personalidade.

En que localizacións se rodou?

As localizacións son todas interiores nun edificio en Monforte porque a pesar de que Monforte e Ribeira Sacra ofrecen un marco natural inigualable,… a agonía e o sufrimento que estaban a padecer os personaxes pedía facelo todo en interior para reforzar esas sensacións. Ademais a curta está gravada en 4/3, decisión tomada co director de foto e o equipo e que a min funcionábame moi ben para dar a sensación de máis cerrazón, e agonía.

Non tiña sentido gravar en espazos abertos porque estamos a retratar esa especie de peche mental que experimentan os protagonistas. Hai momentos en que o pánico e o medo apodérase de todos e funciona moi ben ese espazo pechado e a imaxe en 4/3.

Dirixías por primeira vez, quen se encargou do son?

Levo toda a vida dedicándome a isto e pretendía buscar sonidistas, pero debido á pandemia o equipo tiña que ser o máis reducido posible e non houbo outra. Montamos un pequeno set co combo, o equipo de son e eu estaba cos cascos, xa tiña os niveis moi marcados, apoiábame con pértegas fixas. Que fose en interiores axudábanos moito porque o tema sonoro estaba máis controlado. Eu tiña que fixarme na actuación e guiarme polo son a través de cascos, funcionou perfectamente.

Estou moi orgulloso de todas as persoas do equipo

Como é Rufo como director?

Habería que preguntarlle ao equipo. Nalgúns momentos, xa que tiñamos pouco tempo e iamos moi rápido e parte do equipo que eu necesitaba non podía estar no set, creo que fun un pouco esixente, pero sempre buscando que haxa moi bo rolo, que todo o mundo poida opinar. Adoito escoitalos a todos e despois tomar a miña decisión.

Unha imaxe de ‘URDIMBRE, hitoria de una desaparición’. Foto: Rufo García

Estou moi orgulloso de todas as persoas do equipo, pero hai dous ou tres figuras como o director de fotografía, Ricardo dos Santos, Richi, que estivo sempre asesorado por Manuel Valcárcel, Piro, que non puido acompañarnos por diferentes compromisos laborais e a montadora, Andrea Amor. Richi e Andrea tiveron moitísima importancia, non só polo traballo se non tamén pola súa opinión.

Tal e como falas deste traballo parece que comezas na dirección con especial atención á dirección de actores?

Antonio Hernández dedicábase ao teatro, vén de Salcedo, un lugar cunha tradición teatral, non é actor profesional e Rocío Codeseira era unha persoa que nunca fixera nada disto, do mesmo xeito que Miguel Álvarez. Para min había certos requisitos que cría que eles debían de ter, temas de idade, de características,… Con eles como director fun moi pesado á hora de situalos, xa non só dentro da escena, nos movementos e xestos, se non de como tiñan que ir sentíndose para afrontar xa non só a escena se non a situación dunha desaparición.

Enfrontabámonos a moi pouco tempo á hora de rodar. Creo que no caso de Rocío, dígollo a ela e non me cre, creo que naceu unha estrela en Monforte e no caso de Antonio tentabamos non caer en clichés e que non fose o típico á hora de actuar nunha situación así e creo que os dous polo peso que teñen fixérono moi moi ben…. Hai escenas nas que son eles os que levan absolutamente todo o peso.

Despois desta experiencia veste mellor dirixindo ou co son?

Toda a vida dediqueime ao son, creo que se me dá ben, é do que vivo, pero teño que dicir que a dirección me espertou aí algo especial. En todos os proxectos que facía son acababa como moi implicado e a dirección permíteme facer as cousas como eu quero e imos ver o resultado. Igual a realidade e o público fréanme aquí, pero si estou moi contento coa dirección.

En Monforte hai profesionais do sector en todas as áreas

Urdimbre é case cinema de autor, polo “persoal” e porque fas o guión, a dirección, o son,…

Non me quedaba outra, se puidésemos ter un equipo moitísimo máis amplo, teriamolo e é a sorte que hai en Monforte, moita xente dentro do sector audiovisual en todas as áreas e podíase facer un equipo moito máis grande. Que eu acabase facendo o son e dirixindo foi totalmente por circunstancias da Covid. O guión e a dirección? Preguntábanme noutra entrevista se dirixiría un guión que non fose meu, eu totalmente encantado, a xente que teña guións que mos traia e encantado que o rodamos voando. Si, nesta ocasión tocoume ser un pouco o home orquestra nesta produción.

Cando foi a rodaxe e canto tempo se necesitou?

Rodamos en maio cando se era bastante flexible coas normas e permitían poder traballar con todos os protocolos sanitarios. Estivemos moito tempo esperando ata que se permitiron reunións de non conviventes e demais. Foron 3 días de rodaxe moi intensos, a postproducción levou un pouco máis de tempo. Todo o mundo tiña as súas actividades, os seus compromisos laborais e foise facendo cando boamente podíase e á post produción tivemos que darlle un pouco máis de voltas e foi cando fun un director máis quisquilloso.

Como se financia Urdimbre?

É un proxecto autoproducido, o financiamento foi pola miña conta contando co equipo. Unha produción destas características nunca se podería facer sen a colaboración total de todas e cada unha das persoas que participaron. Arrimando o ombreiro entre uns e outros e contando coa boa vontade da xente conseguímolo facer. Non houbo ningunha axuda e non a pedimos, levabamos moito tempo esperando, había moita incerteza e no momento que puidemos, rodamos. Non podiamos cinguirnos a prazos dunha subvención.

É unha produción independente cuns medios moi medios. A sorte que temos é que ao ter tanta xente con man de obra en Monforte, tiñamos moi bo equipo técnico e persoal e moi bos medios de material. Iso sumado ao equipo técnico fixo que se conseguise facer moito con moi pouco, creo que foi a clave.

A gran noticia deste ano é que volve o Fancine.

Por que temos que ir o sábado para ver Urdimbre ao Fancine de Lemos?

Primeiro porque hai que ir apoiar ao Fancine de Lemos porque é unha iniciativa totalmente necesaria en Monforte cun equipo que o está levando a cabo contra vento e marea e que aos poucos vai consolidando un festival de referencia dentro de cinema de Galicia. Proba diso é que estamos a competir nunha sección con xente a nivel galego, español e internacional que vén de triunfar en moitísimos festivais… A gran noticia deste ano é que volve o Fancine.

E Urdimbre creo que é unha curtametraxe que espero e desexo que guste, é unha boa proposta de curta que funciona moi ben, é moi rápida e creo que pode deixar algunhas sorpresas que a xente ten que ir para descubrilas. Vai ser un día moi interesante pola xente que hai, as actividades do Fancine e creo que é un bo momento para apoiar á cultura que a necesitamos e a cultura segue sendo segura e necesaria dentro da sociedade.

Que camiño segue despois Urdimbre?

O camiño irán dicindo agora, a medida que o vaian seleccionando. Agora toca dalo a coñecer e darme a coñecer eu como director. Estamos a pensar nun ámbito de Galicia primeiro, unhas cantas paradas a nivel nacional e 4 ou 5 festivais que nos interesa poder estar porque creo que Urdimbre encaixaría perfectamente. E agora primeiro o público do Fancine e o propio Fancine dirán como empeza a estar a curtametraxe, despois esperamos que teñamos moitas seleccións e iso será o que marque o roteiro.. agora estamos totalmente mergullados en festivais. Cando pase o primeiro ano e o tema de festivais, a idea é que Urdimbre póidao ver todo o mundo en aberto dunha forma ou outra.

Urdimbre

ÚLTIMAS

Últimos días para coñecer a exposición Entroido “Mobiliario Vestido”, na casa da cultura de Chantada

A casa da cultura do Concello de Chantada acolle ata o 30 deste mes...

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...