“Visualicei Viño-Festa e quixen xerar movemento, dinamismo”, Eduardo Baamonde

Falamos co creador do deseño gañador do concurso de carteis da XLI Feira-Mostra do Viño de Amandi de Sober, contrastado artista gráfico galego e coñecedor da Ribeira Sacra.

Eduardo Baamonde debuxando en El Barco de Ávila (12-X-2017). Foto cedida polo autor

Eduardo Baamonde é profesor de debuxo en Ensino Medio dende o ano 1988, estando na actualidade exercendo como tal no I.E.S. de Vilalonga, no Concello de Sanxenxo.

Vive en Cambados pero naceu en Vilalba e considérase un “amante do deseño gráfico e da pintura”. Empezou a súa etapa creativa alá polos anos oitenta e no oficio de artista gráfico traballa como ilustrador por encargo e dálle moito e ben á pintura, participando, se lle presta e pode, en certames de pintura rápida e concursos de cartelería.

Contactamos con el para felicitalo por ser o autor do cartel gañador da XLI Feira-Mostra do Viño de Amandi de Sober.

Sempre che gustou debuxar?

De pequeno xa me gustaba debuxar e despois funme formando e sigo a facer cousas. Agora dedícolle máis tempo á pintura que ao debuxo pero o debuxo sempre será o esqueleto, a base. O debuxo é racional e a pintura ten unha parte máis flexible, hai máis liberdade…

Como soubeches do concurso para facer o cartel da Feira do Viño de Amandi de Sober?

Estou pendente de todos os concursos deste tipo. A algúns apetéceme concursar e a outros non. Neste caso, ao tocar o tema viño, xa me atraía moito.

Pintando en Bagnols (2017). Foto cedida por Eduardo Baamonde.

Coñecías Sober e Ribeira Sacra antes de presentarte o certame?

Si, xa coñecía. Hai anos xa estiven na Feira do Viño de Sober e sei de que vai. E na Ribeira Sacra tamén. No 2018, e incluso anos antes… teño debuxos desas viaxes. De feito teño publicado un caderno de acuarelas da Ribeira Sacra —Ribeira Sacra en acuarelas–, unha  obra que foi presentada na ‘Feira do Libro de Monforte’ o pasado ano pero que xa se fora fraguando dende dous anos antes. Neste libro pintei, por exemplo, pintei Belesar, o Casco Vello de Chantada ou a Xudería de Monforte.

“Teño publicado un caderno de acuarelas da Ribeira Sacra”

Un libro pouco coñecido ou parécenos a nós?

Coido que si, que non é coñecido como se merece.

Un tema interesante para outra entrevista, verdade?

Pois si, cando queirades.

Seguimos. Que foi o que te inspirou para crear o cartel gañador da Feira do Viño de Amandi?

Ao ver a convocatoria para o concurso xa tiña a idea na cabeza. Tiña entre cella e cella un xermolo do que quería facer. O viño e a festa xa foron motivos dabondo para inspirarme.

Que quixeches representar no deseño, alén do que podemos ver?

Visualicei Viño-Festa e quixen xerar movemento, dinamismo… O movemento e o ritmo das formas é algo que teño sempre moi presente nas miñas creacións. O baile, como máxima expresión das festas queda aquí representado, as botellas dando a volta, a reviravolta… Para min é moi importante axeitar a imaxe á mensaxe.

“O baile, como máxima expresión das festas queda aquí representado, as botellas dando a volta, a reviravolta…”

Cartel gañador / Eduardo Baamonde

Que técnica empregaches?

Eu emprego con moita frecuencia a acuarela pero para este tipo de traballos de deseño gráfico non ten a prestancia que ten o acrílico. Ao pintar con acrílico conséguese unha saturación cromática máis intensa.

Achegaraste á Feira-Mostra deste ano?

Si, achegareime á entrega de premios o vindeiro 12 de agosto.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here