Chantada presenta o seu ‘Verán Cultural’

A Concellería de Cultura deu a coñecer o programa de actividades para agosto e setembro. Actuacións ao aire libre con gran presenza de música, maxia e diferentes propostas escénicas para público infantil e familiar.

Cartel Gin Toni's / Grupo

O Concello de Chantada vén de dar a coñecer a súa axenda cultural e de lecer para o que resta de verán. Un amplo programa que vai deste 3 de agosto ao 18 de setembro e que terá como escenario principal a Praza do Cantón.

O protagonismo lévao a música, con varios concertos programados, música de rúa con gaiteiros e charangas, e certame de bandas –días 22 e 29 de agosto–. Pero tamén haberá espectáculos de maxia e teatrais para público familiar, así como unhas xornadas sobre o Camiño de Santiago, a XXVIII Semana de Cinema –Do 9 ao 12 de agosto–, a XXXI Mostra de Teatro Maruxa Villanueva –do 17 ao 20 de agosto ás 22:00 h–, ou a Festa Infantil con xogos populares o día 23 no Parque Eloísa Rivadulla a partires das 17:00 h.

CONCERTOS

A orquestra “Garufa Blue Devil Big Band”, en formato clásico de big band e que interpreta temas clásicos dos anos 30 e 40, época dourada das grandes orquestras de swing en Estados Unidos, actuará o mércores 4 de agosto ás 21:00 h.

Para amantes dos clásicos pop-rock apuntar tamén en agosto: o tributo a Sabina do 7, coa formación “La Penúltima Sabinera”; o concerto oitenteiro dos “Gin Toni’s” o día 13; o espectáculo “Mitic” o día 27 e a actuación do lucense “David Prado” o 28.

Para o venres 10 de setembro ás 21:00 h. queda o concerto de versións con moito humor “O mellor e o peor dos 80 e dos 90” do dúo Carta de Ajuste.

Carta de Ajuste en Concerto / David Taboada e Iván Valdés

No apartado tradicional apuntar o día 14, no que está programada a sesión “Noites á luz da lúa de tradición” na que estarán presentes Suso Vaamonde e a Banda de Música de Chantada.

MAXIA

O Mago Antón chegará co seu espectáculo o día 9 de agosto á Praza de Galicia, lugar onde se poderá asistir ao seu espectáculo itinerante en diferentes horarios ao longo do día.

O 16 de agosto tócalle ao mago Manuel Lamas ás 19:30 h. na Praza do Cantón, o 25 ao Mago Paco ás 12:00 h. e xa en setembro, o día 11 ás 20:00 h., estará Álex Ilusionista.

ARTES ESCÉNICAS PARA PÚBLICO INFANTIL E FAMILIAR

Neste apartado tamén se reparten, ao longo do mes de agosto e primeira quincena de setembro, diferentes propostas, dende pequenas obras teatrais, ata espectáculos de monicreques e contos. Por Chantada pasarán importantes compañías, como por exemplo, Baobab Teatro, Títeres Cachirulo ou Mircromina Títeres.

No apartado de circo salientar “Circo Trasno” o día 15 de agosto ás 20:00 h. e “Isla Letriska” o día 4 de setembro ás 20:00 h.

Nun combinado de contos e música anotar o espectáculo de Xoan Curiel “Como montar a túa banda de verán”, o día 18 de agosto ás 12:00 h.

A entrada será libre e a organización advirte que será obrigatorio estar sentados en cadeiras, usar máscara e que se levará un rexistro da asistencia. Así mesmo tamén se informa que a programación poderá ser modificada por mor das restricións sanitarias en cada momento.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here