“Un ano no Carballal”, a idiosincrasia dun pobo

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, participou este venres na presentación de “Un ano no Carballal”, de Sonia García, na sede da Fundación Uxío Novoneyra, en Parada do Courel.

Un ano no Carballal, presentación / Vicepresidencia Deputación

Un ano no Carballal”, editado pola Editorial Canela co apoio do Servizo de Publicacións da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, está sustentado nun traballo de campo en profundidade ao longo de moitos anos no Courel, poñendo de relevo a evolución da vida tradicional aos novos tempos nesta zona. Parte das experiencias vitais e testemuños de persoas que habitan esta comarca lucense, para ofrecer ás persoas lectoras unha experiencia e aprendizaxe único a través da historia, o patrimonio, o medio natural, a vida tradicional, a etnografía, a toponimia, o uso local da lingua, a música e, en definitiva, da realidade de seu.

A publicación pon o foco sobre unha das aldeas da localidade: O Carballal. Un lugar pouco contaminado por visitas de xente allea que conserva a idiosincrasia dun pobo que se pode identificar con moitos outros da Galiza do interior.

A autora do libro manifestou que “de seguro será significativo e emotivo para as persoas que viven ou teñen raíces neste lugar, e tamén servirá como un instrumento de estudo aos investigadores do medio, da etnografía, da antropoloxía e da fala”. Sonia García estivo acompañada na presentación por Uxío Noxo, secretario da Fundación Uxío Novoneyra, Pablo Quintana, editor, e Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación.

Ferreiro subliñou “a necesidade de dar apoio a autoras e editoriais que apostan polo local, que enxalzan e estudan a cultura e a identidade dos pobos, un patrimonio inmaterial que abrangue séculos de historia e que debe ser protexido tamén polas institucións”. Nesta liña, agradeceu a tarefa de investigación sobre esta aldea do Courel “que agora será un pouco máis coñecida e recoñecida”.

A colaboración da Vicepresidencia materializouse a través da adquisición de exemplares para a súa distribución non comercial, tal e como se vén facendo co envío de traballos de interese ás bibliotecas públicas da provincia, asociacións culturais, centros educativos,etc.


DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here