Monforte celebrará no 2022 os 25 anos da Coral Polifónica

A Coral Polifónica monfortina alcanzou neste ano 2021 os vinte cinco anos da súa fundación, pero debido á situación sanitaria derivada da pandemia do Coronavirus, o concello non puido celebrar os actos previstos.

RP 25 anos coral / concello de Monforte

Se as condicións sanitarias o permiten o vindeiro ano, entre os actos previstos destaca un concerto especial no que, ademais da actuación da propia Coral Polifónica de Monforte, contarase cunha Coral de prestixio que será anunciada no seu momento. Neste acto conmemorativo, levarase a cabo recordo moi especial cos integrantes xa desaparecidos da Coral, así como con aqueles que a deixaron.

Ó longo do 2022, dende o Concello organizarase unha exposición fotográfica a modo de retrospectiva dos 25 anos da Coral, na que se incluirán fotos das actuacións máis destacadas, das viaxes efectuadas, dos grupos e corais coas que se fixeron concertos conxuntos, etc. Tamén se proxectarán diversos vídeos recopilatorios das diferentes actuacións da Coral ó longo destes anos.

Celebrarase unha conferencia sobre “O canto coral en Galicia”, na que estarán presentes diferentes expertos sobre a historia das corais no noso país, e tamén se organizará un Curso Coral. O programa das Festas Patronais de 2022 incluirá un escrito específico sobre o XXV aniversario da Coral e as súa historia.

Os 25 anos da Coral permanecerán no recordo coa adquisición que dende o Concello se levará a cabo dunha peza artesanía conmemorativa que será colocada nos expositores que a Coral posúe no Edificio Multiusos. Co material recopilado para as exposicións audiovisuais, elaborarase unha  montaxe cos vídeos e fotografías das actuacións da Coral nestes anos e será entregada, gravados nun lápiz de memoria, ós compoñentes da Coral, familiares, ex-compoñentes e autoridades. Tamén se elaborará un pin conmemorativo para entregar ós compoñentes deste grupo coral e autoridades.

XXV anos da Coral Polifónica de Monforte

José Tomé fixo tamén un repaso polos 25 anos de historia da Coral, que foi fundada en marzo de 1996, sendo o seu primeiro director, Xoan Antón Vazquez Casas. En maio de 1997, faise cargo Fernando Sanmartino Pérez, que na actualidade compaxina a dirección da Coral coa actividade de director do Conservatorio e da Banda de Música do Concello de Monforte.

A Coral está integrada actualmente por 50 voces mixtas e seu repertorio inclúe Música Sacra, Música Popular Galega, Panxoliñas, Habaneras, etc.

No seu haber, nestes 25 anos de historia, a Coral realizou un total de 238 actuacións, das cales 143 foron na cidade de Monforte e 81 repartidas entre localidades de Galicia (como Cee, Ribadeo, Marín, Pontedeume, Mondoñedo, O Grove), Asturias (Cudillero, Mieres, Villaviciosa, Candás) ou Castela e León (Zamora, León). Tamén destacan as 14 prestixiosas actuacións en diversos países europeos como Suíza, Francia, Italia, Dinamarca, Alemania, Suecia, Bélxica ou Portugal.

O Concello de Monforte colabora coa Coral Polifónica a través de diversas liñas de actuación, proporcionándolle un local de ensaios, no Edificio Multiusos, aportando a figura do Director da Coral, sufragando as súas saídas para a realización de concertos, para a súa participación no programa ”Europeades”, ou os intercambios con outras corais e adquirindo o material que necesitan para desenvolver a súa actividade.

Do mesmo xeito, froito desta colaboración, a Coral participa anualmente en concertos e actividades organizadas pola nosa Concellería de Cultura: concertos de Nadal, Habaneras, Festas Patronais, así como outros concertos institucionais, relixiosos, interpretacións en inauguracións e diferentes actividades culturais, sociais e educativas do Concello.

O Alcalde concluíu subliñando que “dende o Concello agardamos que para o ano 2022, a incidencia da Covid-19 remita ou, polo menos, que nos permita levar a cabo este completo programa de actividades que lles veño de expoñer, e conmemorar como se merece os 25 anos da nosa Coral Polifónica de Monforte”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here